100 anos do Carromeiro Pequeno

O 10 de novembro cúmprense 100 anos da existencia na Costa da Morte do faro comunmente coñecido como "Carrumeiro Chico".
Costa da Morte » Corcubión
venres, 3 Novembro, 2017

O Concello de Corcubión está a organizar unha exposición con motivo do centenario do Carromeiro Pequeno, organización na que participan, especialmente e de forma desinteresada, Vicente J. Bernal Tortosa e Aquiles Garea Moledo e na que colaboran tamén Miguel San Claudio Santa Cruz, Francisco González Aguiar e o Organismo Público Puertos del Estado.

O nome deste faro débese a que no fondo dos baixos do "Carrumeiro Chico" e "Carrumeiro Grande", ademais de perigosas pedras, abundan uns bosques de algas pardas chamadas "Carrumeiros" (Laminaria Ochrolueca), coñecidas tamén como argazo, que serven de refuxio, alimento e habitat para moitas especies mariñas como a nécora, a centola ou o polbo.

A existencia deste faro foi impulsada por Plácido Castro Rivas, unha das principais figuras da época de maior esplendor económico e social de Corcubión desde finais do século XIX e ata as primeiras décadas do XX, pois, entre outras cousas, foi o propietario dos depósitos de carbón e dun almacén en terra para avituallar aos barcos que recalaban na zona mediante pontóns carboeiros fondeados na ensenada de Quenxe. A finais do século XIX houbo constantes naufraxios de buques que ían aprovisionarse a eses pontóns de carbón e iso, xunto coas queixas do empresario Plácido Castro Rivas, impulsou a primeira sinalización do lugar coa finalidade de diminuír os accidentes que alí se producían.

Houbo tres balizamentos do "Carrumeiro Chico": o primeiro, unha boia de campá circa, en 1861; o segundo, un trípode metalico, en 1903; e o terceiro e definitivo, en 1917, unha torre maciza troncocónica de formigón de 10m de altura, coroada cun círculo de 5m de diámetro para a ubicación da luz con escintileos de cor vermella e un alcance de 6 millas, que é a coñecemos hoxe en día e que quedou rematada o 10 de novembro de 1917, entrando en servizo un día máis tarde.

Para o que queira coñecer máis sobre a historia e importancia deste faro, a inauguración da exposición será o sábado, 4 de novembro ás 12:00h no cárcere Vello de Corcubión (situado no porto). Estará aberta ao público en horario de mañá e tarde ata o 31 de decembro.

Máis información en Que Pasa Na Costa.