Brión, xunto con Ames e Padrón, presentaron en Fitur o proxecto conxunto dunha renovada Ruta Rosaliana

Brión, xunto con Ames e Padrón, presentaron en FITUR o proxecto conxunto dunha renovada Ruta Rosaliana. Unha iniciativa turística e cultural que quere achegar a vida de Rosalía de Castro a toda a cidadanía.
Terras de Santiago » Brión
venres, 19 Xaneiro, 2018

O rexedor brionés, José Luís García García, e os seus homólogos de Ames, José Miñones, e de Padrón, Antonio Fernández Angueira, presentaron na Feira Internacional de Turismo (FITUR) un proxecto conxunto dunha renovada Ruta Rosaliana denominado "As pegadas de Rosalía".

Esta interesante iniciativa, que pretende achegar a vida de Rosalía de Castro a toda a cidadanía, desenvolve un itinerario cultural a partires dunha ruta xa existente deseñada polo intelectual dodrense Avelino Abuín de Tembra e que une os concellos de Santiago de Compostela, Ames, Brión, Padrón e Dodro.

Dito itinerario está pensado para que os usuarios poidan percorrelo en autobús, a pé ou en bicicleta e pasa por lugares como San Xoán de Ortoño (Ames), a igrexa de Bastavales (Brión), a colexiata de Iria Flavia (Padrón), o Pazo de Arretén (Padrón) e a Casa de Rosalía de Castro (Padrón).

"As pegadas de Rosalía" tamén é un renovado produto turístico e cultural que responde ás actuais demandas dos viaxeiros, como son a busca de inmersión en destino, o respecto á identidade do territorio, o contacto coa poboación local ou a protección do medio ambiente, entre outras.

O rexedores dos tres concellos implicados nesta iniciativa tamén agradecen a colaboración prestada durante o proceso de creación da ruta "As pegadas de Rosalía" por parte de Xosé Vizoso, autor do deseño da portada do material de promoción, e por parte do presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, que asistirá á presentación, pola cesión de imaxes e o material documental empregado.

A presentación de "As pegadas de Rosalía" tivo lugar o venres 19 de xaneiro, a partires das 10:30 horas, no espazo que Galicia terá en Fitur, no pavillón nº 9 de Ifema, cunha notable asistencia de público.