A Deputación da Coruña levará a Xantar o potencial gastronómico dos concellos da Coruña

A reunión sectorial cos concellos incluíu o balance e adianto de novas accións na área
mércores, 24 Xaneiro, 2018

Produtos de calidade e showcooking no programa oficial da feira é a proposta coa que a área de Turismo da Deputación da Coruña participa na 19 edición do Salón de Turismo Gastronómico Xantar que terá lugar en Ourense do mércores 31 ao domingo 4 de febreiro. A participación no evento foi un dos temas da reunión sectorial que xuntou persoal técnico e político dos municipios na nova convocatoria da área de Turismo da Deputación .
A área de Turismo da Deputación da Coruña, que dirixe o deputado Xosé Regueira, organizou unha nova xuntanza do persoal técnico e político da área de Turismo dos concellos no Pazo de Mariñán para avaliar o traballo desenvolvido e a participación en novos proxectos como o próximo Xantar.
Xosé Regueira destacou o adianto nesta nova edición da convocatoria para persoal técnico de información turística dotada con 800.000 € e a dirixida á mellora da calidade, competitividade e actividades turísticas á que se destinan 750.000 € e ten o prazo aberto até o vindeiro día 9 de febreiro.
"Da liña de axudas para a contratación de persoal técnico nos concellos estamos especialmente felices porque está a supor unha importante axuda para a incorporación ao mercado laboral de persoas recén tituladas o que está a influír na calidade de promoción turística dos concellos", explicou Xosé Regueira dunha convocatoria á que na presente edición se presentaron 53 solicitudes.
A xuntanza serviu tamén para facer balance da presenza en Fitur que supuxo, segundo o deputado, un adianto na promoción turística dos seis xeodestinos da estratexia turística da Deputación da Coruña. "En especial, o mapa turístico responde a unha demanda que existía desde había tempo e se fixo realidade nun Fitur en que estreamos novo material promocional propio da Deputación da Coruña", explicou.
Será o material que volva de novo ao encontro do sector no stand que a área de Turismo da Deputación da Coruña instalará na 19ª edición do Salón de Turismo Gastronómico Xantar que se celebrará en Ourense do mércores 31 ao domingo 4 de febreiro que, máis unha vez, suporá un escaparate turístico do produto de calidade e da cultura gastronómica dos distintos destinos.
A Deputación da Coruña convida así aos concellos a achegar á feira produto gastronómico de calidade e incorporarse ao programa de showcookings en que, entre outros, xa confirmaron a súa participación o concello de Vimianzo co "pincho irmandiño", o de Zas coas súas filloas, o de Mugardos co "polbo á mugardesa" e o de Mazaricos co bolo do pote.
A xuntanza, dentro dos encontros periódicos da Deputación cos concellos, tivo tamén unha parte máis técnica de apoio aos concellos para a xestión da páxina web de Turismo que serve de soporte para a información de interese na promoción turística municipal.