A Deputación da Coruña presume en Xantar do potencial gastronómico da provincia

Produtos de calidade e showcookings no programa oficial da feira é a proposta coa que a área de Turismo da Deputación da Coruña participa na 19 edición do Salón de Turismo Gastronómico Xantar que terá lugar en Ourense do mércores 31 ao domingo 4 de febreiro
xoves, 1 Febreiro, 2018

A área de Turismo da Deputación da Coruña participa no 19º Salón Internacional de Turismo Gastronómico, Xantar, cunha mostra da riqueza gastronómica dos concellos cun espazo propio na feira e participación nos showcookings con elaboracións dos pinchos irmandiños de Vimianzo, o bolo do pote de Mazaricos, o polbo á mugardesa ou as filloas de Zas. A Feira Internacional de Gastronomía Xantar desenvólvese no recinto feiral Expourense até o 4 de febreiro.

Calidade e variedade son as dúas trabes que definen o conxunto de produtos e propostas gastronómicas que a Deputación da Coruña desprega na súa participación na 19ª edición da única feira internacional de Turismo Gastronómico, recollida no calendario oficial de Feiras Comerciais Internacionais. O pan de Carballo, os pementos de Padrón, ou o vermú Petroni son algúns dos produtos que se poden degustar no espazo da Deputación da Coruña na feira á que acude por terceiro ano consecutivo.

Con máis dun cento de festas gastronómicas espalladas polas 18 comarcas da provincia, a Deputación achega material informativo en que se recolle a oferta festivo-culinaria que se organiza nos distintos concellos da Coruña.

Durante a xornada do venres 2 de febreiro, a Deputación ten programado entre as súas actividades a realización de dous showcooking, nos que o concellos de Vimianzo cos "Pinchos Irmandiños", e o xeodestino Muros -Noia coa "Cociña do mar na Ría de Muros e Noia", exhibirán ante o público asistente como é o proceso de elaboración destes dous referentes da cociña coruñesa.

Xa na xornada do sábado, e co gallo da celebración do Día da Provincia da Coruña, o responsable da área de turismo, Xosé Regueira, intervirá (12:30h) no acto de presentación institucional desta efeméride, para, de seguido, presenciar dous novos showcooking, nos que o concello de Zas, coa elaboración das súas filloas, e o concello de Mugardos, co "polbo á Mugardesa" prepararán ao vivo dous dos pratos máis representativos da provincia.