Entroido dos Xenerais do Ulla

O Entroido dos Xenerais do Ulla teñen lugar durante todo o mes de febreiro en diferentes localidades da provincia da Coruña
xoves, 1 Febreiro, 2018

A comarca do Ulla posúe un orixinal entroido rural do que se ten referencias dos anos 70 do século XIX.

As personaxes máis importantes son os xenerais e os correos a cabalo que percorren as parroquias disfrazados con vestimentas militares de época, acompañados dun “exército” de abandeirados, coros e comparsas. Representan diversas escenas, coñecidas como atranques ou altos, enfrontamentos dialécticos por parellas nos que fan burla e sátira de asuntos sociais de actualidade.

Esta particular celebración ten lugar en diferentes concellos da provincia da Coruña: Santiago de Compostela, Vedra, Teo, Boqueixón e Touro. Dunha parroquia a outra, o Entroido da Ulla presenta pequenas diferenzas, aínda que manteñen os trazos definitorios que os fan únicos.

Os xenerais e correos engalanados conforman a espectacularidade desta auténtica expresión do entroido tradicional galego, que lle valeu a declaración como Festa de Interese Turístico de Galicia no ano 2013.