A oficina de turismo de Padrón bateu récord de visitantes no ano pasado

No exercicio de 2017 acadouse unha extraordinaria cifra anual de visitantes atendidos, con preto de 52.000 persoas
Peregrinos en Padrón
Peregrinos en Padrón
Terras de Santiago » Padrón
xoves, 11 Xaneiro, 2018

A oficina municipal de turismo de Padrón rexistrou un total de 51.832 persoas recibidas, o que supón un incremento dun 39,5% fronte aos 37.133 visitantes de 2016.

Segundo o balance dos técnicos municipais de turismo, o 43,3% dos visitantes (22.404) achegáronse á oficina de forma individual, en parella, en familia ou con amigos -dos cales 10.005 foron peregrinos-, mentres que o 56,7% restante (29.428) correspondeu a grupos máis numerosos que foron atendidos desde a oficina.

As estatísticas revelan que o 88% das 51.832 persoas que pasaron pola oficina de turismo visitaban Padrón por primeira vez, fronte ao 12% que xa estivera na capital da comarca do Sar en ocasións anteriores. En canto aos motivos polos que acudiron a Padrón, o Camiño de Santiago foi a principal razón (39% dos turistas), seguido das recomendacións de terceiros (26%) e da gastronomía (11%).

Máis información en www.terrasdeiria.com