Padrón, Ames e Brión converten os escenarios vitais de Rosalía de Castro nunha atractiva ruta turística

Presentouse en Madrid na Feira Internacional de Turismo (FITUR) unha nova ruta turística denominada "As pegadas de Rosalía"
Presentación en FITUR
Presentación en FITUR
Terras de Santiago » Padrón
martes, 23 Xaneiro, 2018

O alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, e os seus homólogos de Ames, José Miñones, e Brión, José Luis García, presentaron en Madrid na Feira Internacional de Turismo (FITUR) unha nova ruta turística denominada "As pegadas de Rosalía" que invita aos visitantes a coñecer diferentes escenarios vitais da poetisa. No acto de presentación tamén participaron o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, e a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro.

Este itinerario cultural, configurado a partir dunha ruta orixinal ideada polo intelectual dodrense Avelino Avuín de Tembra, está concibido para que os turistas poidan percorrelo a pé, en bicicleta ou en autobús achegándose a unha decea de lugares: a Praza de Vigo, o Pazo da Hermida e o Panteón de Galegos Ilustres (en Santiago de Compostela), a casa onde naceu o pai de Rosalía en San Xoán de Ortoño (Ames); as beiras do río Sar (Ames e Brión); a igrexa de Bastavales (Brión); e a Casa da Matanza, a Colexiata de Iria Flavia, o Pazo de Arretén, o Paseo do Espolón e a casa onde se criou Rosalía na rúa de Xoán Rodríguez (Padrón).

Máis informacion aquí.