Romaría San Miguel de Pastoriza

O vindeiro 30 de setembro celébrase na contorna do santuario de Pastoriza a Romaría de San Miguel, con gaiteiros, pandereteiras, música Folk e a posta en valor da Feira da Madeira coas lembranzas da vida mariñeira, sempre acubillada baixo o manto da Virxe de Pastoriza.
Romaría San Miguel de Pastoriza
Romaría San Miguel de Pastoriza
A Coruña e As Mariñas » Arteixo
xoves, 21 Setembro, 2017

Esta celebración, á parte de ofrecer os actos propios da Romaría e o seu divertimento, pretende poñer en valor os acontecementos que historicamente se foron sucedendo, ano tras ano.

Até non hai moito tempo era tradicional a Feira da Madeira, onde se aproveitaba a Romaría para vender apeiros de labranza. Tamén era tradicional a visita dos mariñeiros e as súas familias para agradecerlle á Virxe de Pastoriza que os protexese e os salvase dos perigos que a cotío vivían sobre as ondas do mar.

Así é que, desta volta vai haber en Pastoriza unha demostración e Obradoiros de artesanía da madeira, cesteiros, carpintería de ribeira (tamén se traerá un barco), redeiras ou zoqueiros que se complementará cunha exposición e Obradoiro de olería procedente da Ribeira Sacra.

Todo isto estará amenizado a partir das doce do mediodía e até a noitiña con grupos de música tradicional como a ACTriskell, Devandoira, As Revolteadoras, banda de Gaitas, xantar popular, clase de baile e culminará esta Xornada cos concertos dos grupos DEQUENVÉSSENDO e BRATH.

“Pastoriza ben vale unha Romaría”