A sección de turismo da Deputación aposta de novo pola competitividade turística, investindo 750.000€ na mellora da calidade e no fomento de actividades de entes de xestión, asociacións, mancomunidades e consorcios turísticos

As bases que regulan a convocatoria deste programa están publicadas no boletín da provincia do venres, 5 de xaneiro.
luns, 8 Xaneiro, 2018

Outro ano máis, a sección de turismo da Deputación convoca o programa de subvencións que prevé axudas encamiñadas a mellorar a calidade e a competitividade turísticas, así como o fomento de actividades relacionadas con esta materia. As entidades que poden solicitar a devandita subvención son as seguintes: 

  • Os consorcios turísticos e mancomunidades, con domicilio fiscal na provincia da Coruña, que consten debidamente rexistrados con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2018.
  • As asociacións turísticas que teñan como finalidade a xestión dun xeodestino, con domicilio fiscal na provincia da Coruña, que consten debidamente rexistradas con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2018 e que estean participadas, como mínimo, do 75% dos concellos do territorio do xeodestino.
  • Outros modelos de entes de xestión turística nos que a cota de participación ou o capital maioritario sexa de carácter público e que consten debidamente rexistrados con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2018. 
  • As asociacións sen ánimo de lucro que teñan nos seus estatutos como obxecto o turismo, realicen actividades turísticas, e manteñan oficinas de turismo operativas e atendidas, en edificios singulares ou significativos (museos, centros de interpretación, faros, castelos…).

A contía total ascende a un total de 750.000 €. O importe do orzamento dos gastos de actividade é de máximo 150.000 €, subvencionable até o 80%, polo que a contía máxima que concederá será de 120.000 €.

O prazo de presentación de solicitudes abrirase nos vindeiros días, unha vez estea publicado no Sistema Nacional de Publicación de Subvencións e co consecuente anuncio no BOP. Para máis información, podedes consultar as bases da convocatoria no seguinte enlace