Visita guiada por Corcubión, busca do tesouro

O pasado 20 de decembro os nenos e nenas de segundo de primaria do CEIP Eugenio López de Cee fixeron unha visita guiada polo casco histórico de Corcubión a través dun xogo de pistas
Costa da Morte » Corcubión
martes, 26 Decembro, 2017

A vila de Corcubión agocha importantes “tesouros” históricos relacionados con condes, fidalgos ou corsarios, entre outras moitas cousas. E a mellor maneira de ensinárllelos aos nenos é facéndoo a través dun xogo.

O obxectivo destes rapaces e rapazas era atopar o tesouro escondido por tres corsarios que viviron en Corcubión. Para chegar ata o tesouro, tiveron que pasar polas diferentes casas deses corsarios, así como por diferentes rúas estreitas das que contamos as súas peculiaridades, pequenas pontes que comunican as casas coas hortas ou xardíns traseiros ou diferentes tipoloxías de casas, como as “Casas do Remo” ou a “Casa do Patín”.

Aproveitando que Corcubión conta con importantes casas brasonadas, tamén tiveron que buscar varias figuras nos diferentes escudos que se poden ver na vila e gravados en pedra que conservan as fachadas dalgunhas vivendas.

Igualmente, fíxose referencia ao Camiño de Santiago por ser Corcubión lugar de paso dos peregrinos que se dirixen a Fisterra, e tamén a outros elementos da arquitectura popular, como os hórreos, dos que temos algún exemplo no medio da vila.

Sen dúbida foi todo un éxito, pois entusiasmados por atopar ese tesouro escondido, estes nenos e nenas foron vendo lugares importantes e cousas destacadas do pobo dunha forma entretida.