Todos os camiños de peregrinación levan a Santiago. Todos menos o Camiño Fisterra-Muxía, o único traxecto que en vez de dirixirse a esta cidade se inicia na propia Compostela e continúa cara o Atlántico en busca do antigo finis terrae. Se chegas a Santiago, tan só catro etapas máis te separan do litoral máis espectacular: a Costa da Morte.

O Camiño a Fisterra-Muxía é unha posibilidade moi atractiva de alongar o tempo nesta provincia, aproveitando o magnetismo do antigamente considerado “fin do mundo” e tamén do Santuario da Virxe da Barca. Xa desde fai moitos séculos os peregrinos mostraron interese por chegar a este particular destino. Hoxe en día, a presenza do mar, a lenda e misterio destas terras e a beleza da Costa da Morte en si seguen sendo un gran reclamo.

Tendo en conta os distintos modos de afrontalo, o camiño Fisterra-Muxía pode chegar a percorrer 10 municipios da provincia: Santiago de Compostela, Ames, Negreira, Santa Comba, Mazaricos, Dumbría, Cee, Corcubión, Fisterra e Muxía. O modo máis recomendable de seguir este camiño (xa que pode afrontarse de distintas maneiras) é en 4 etapas: Santiago de Compostela-Negreira (21,3 km), Negreira-Olveiroa (33,2 km), Olveiroa-Fisterra (30 km) e Fisterra-Muxía (28,8 km). 

En distintos puntos do camiño atópanse lugares con encanto, como por exemplo os pazos de A Albariña e o Cotón (Negreira), os particulares bosques da contorna do Río Xallas ou a pequena Ermida de San Pedro Mártir (Cee). Xa en Fisterra, hai atractivos destacables como o Camposanto do Fin da Terra, o Castelo de S. Carlos ou o propio faro. A realidade social autóctona pode apreciarse visitando recursos coma o monumento ao emigrante ou a lonxa, onde se pode ver con claridade o que alí se leva a cabo. Con respecto a Muxía, destacamos o peso do culto á pedra, expresado en distintos rituais asociados á pedra de abalar ou a dos cadrís. A carón delas, o santuario da Virxe da Barca, pola súa banda, conforma un excepcional colofón final ao itinerario, como popular lugar de culto.

 

Etapa: Santiago de Compostela - Negreira. 21 km

Que visitar

Á saída da cidade atopamos a carballeira de San Lourenzo, acolledor lugar con carballos centenarios que marca o descenso cara o río Sarela. 

Neste percorrido atoparemos o núcleo de Ponte Maceira, ponte construída sobre o río Tambre no s. XIV e rodeado dunha bonita paisaxe natural e monumental, será un dos puntos no que gozar da paisaxe neste camiño. Ao outro lado da ponte, atopamos a capela do Carme ou de San Brais do s. XVIII. 

Xa no Concello de Negreira destaca unha grande diversidade de construción civil histórica entre a que destacan varios pazos como o da Chancela ou o do Capitán; o pazo do Cotón, fortaleza medieval restaurada no s. XVII; e o pazo de Balandrón, edificio modernista de mediados do s. XX.

Concellos polos que pasa a ruta 

 

Etapa: Negreira - Olveiroa. 33,4 km

Que visitar

Esta ruta discorre próxima ao encoro da Fervenza, do río Xallas, que máis tarde desembocará en forma de fervenza en Ézaro, producindo un fenómeno natural único que cada ano acolle miles de visitantes.

Neste percorrido pasamos polo paseo fluvial do río Barcala, no Concello de Negreira e rematamos cruzando a Ponte Olveira no Concello de Dumbría, construído no s. XVI.

En toda a zona atoparemos numerosos conxuntos de hórreos entre os que destacan os hórreos das Maroñas, no Concello de Mazaricos. 

Concellos polos que pasa a ruta

 

Etapa: Olveiroa - Fisterra. 34,9 km

Que vistar

O santuario da Nosa Señora das Neves do s. XVIII, atópase no Concello de Dumbría e a súa “fonte santa” acolle numerosos visitantes ao longo de todo o ano. 

Xa no Concello de Cee, o pazo do Cotón, o edificio decimonónico da Fundación Fernando Blanco e a igrexa da Xunqueira, de cabeceira gótica do s. XVI, son algúns dos lugares de interese turístico desta vila

En Corcubión, a igrexa de San Marcos, edificio característico do estilo gótico-mariñeiro, garda no seu interior a imaxe policromada de san Marcos, de orixe italiano do s. XV. Corcubión ten un casco histórico con encanto para gozar de agradables paseos.  

Seguindo o camiño cara Fisterra atopamos a cala do Talón e a praia Recoleta, a praia e dunas da Langosteira, que nos ofrecen unha paisaxe salvaxe e solitaria. A Cruz de Baixar, cruceiro do s. XVI marca a entrada á vila de Fisterra.

Xa en Fisterra, podemos visitar a capela barroca da Nosa Señora, a igrexa de Santa María das Areas, onde se atopa o Santo Cristo de Fisterra, unha talla datada do s. XIV e a imaxe renacentista da Virxe do Carme.

Como punto máxico e final, atopamos no cabo de Fisterra o Faro construído en 1853. Desde aquí é obrigado ver como o sol se esconde detrás das augas.

Concellos polos que pasa a ruta

 

Etapa: Olveiroa - Muxía. 32,5 km

Que visitar

A igrexa de Santa Baia de Dumbría do s. XVII e XVIII, é un dos primeiros monumentos que atopamos ao seguir o camiño.

Xa no Concello de Muxía podemos facer unha parada en San Martiño de Ozón para ver un dos máis grandes hórreos de Galicia de 27 metros e con 22 pares de pés, e a igrexa de ábside románico, vestixios do antigo mosteiro beneditino de San Martiño. 

O mosteiro de San Xiao de Moraime é un templo románico de tres naves. No seu interior garda unhas pinturas góticas de grande interese artístico que representan os sete pecados capitais. Un pequeno tesouro descoñecido que paga a pena descubrir. 

Xa en Muxía, o santuario da Nosa Señora da Barca, templo barroco construído fronte ao fermoso mar da Costa da Morte, coñecido polas famosas formacións rochosas coñecidas como Pedra de Abalar ou Pedra dos Cadrís ao que acode numeroso público en calquera época do ano.

Concellos polos que pasa a ruta

 

Etapa: Fisterra - Muxía / Muxía - Fisterra. 29,3 km

Que visitar

Saíndo de Fisterra cara Muxía atopamos a igrexa barroca de San Martiño de Duio do s. XVIII. Este lugar cobra interese dado que nas súas inmediacións ocultaríanse as ruínas da desaparecida cidade romana de Dugium, somerxida baixo as aguas. Esta cidade é citada no Códice Calixtino como o lugar onde residía o legado de Roma ao que visitarían os discípulos de Santiago para que autorizase a sepultura de apóstolo en terra compostelá. 

A coñecida praia do Rostro ofrécenos un impresionante e agreste areal. A ría de Lires, con importante riqueza ornitolóxica móstranos tamén notables mostras de arquitectura popular e relixiosa, como as igrexas de Santa Leocadia de Frixe e Santa María de Morquintián

Xa na antesala de Muxía atopamos a praia de Lourido, localizada nunha impresionante contorna litoral. 

Concellos polos que pasa a ruta:

 

Máis información sobre o Camiño Fisterra-Muxía, aquí