Actividades do 4º trimestre de "Reláxese"

En marcha as actividades do 4º trimestre de 2017 do "Reláxese", programa de desestacionalización do turismo do concello de Laxe
Cuarto trimestre do "Reláxese"
Cuarto trimestre do "Reláxese"
Costa da Morte » Laxe
mércores, 11 Outubro, 2017

Xa está en marcha o programa de actividades de desestacionalización do turismo “Reláxese” para este derradeiro trimestre de 2017. Outubro, novembro e decembro estarán dedicados á arqueoloxía, á ecoloxía e á arquitectura. Un completo programa municipal, desenvolto a través da recuperación do Museo do Mar de Laxe e co apoio da Deputación, cheo de actividades ao longo de 9 meses do ano para servir de foco de atracción de visitantes.

Outubro Arqueolóxico

O venres 13 de outubro arrincará o Mes do Turismo Arqueolóxico en Laxe, coa presentación de actividades e o concerto do grupo OÏMA.

As citas máis interesantes serán os dous últimos sábados do mes. O 21, Xosé María Lema Suárez realizará unha conferencia sobre os Penedos de Pasarela e Traba. Precisamente serán os penedos o destino da ruta guiada por Manuel Rial, guía vimiancés experto en patrimonio, que se desenvolverá na mañá do sábado 28. Ese mesmo sábado, a arqueóloga Carmen Álvarez falará do castro de Castrelo.

Novembro Ecolóxico

O proxecto “Landras”, que persegue unha mellora ambiental dos nosos bosques, será presentado aos alumnos do CPI Cabo da Area durante a primeira semana.

Xa en sesións abertas, teremos un taller de cociña ecolóxica, e tres conferencias: unha sobre biodiversidade mariña como recurso turístico; outra sobre reciclaxe na hostalería e outra sobre o cogomelo da praia de Soesto.

Ademais, o mes contará coa II Ruta dos Pinchos de Outono durante a fin de semana do 18 e 19 de novembro, e o mercado ecolóxico nas mañás dos sábados no mercado municipal.

Decembro Arquitectónico

3 conferencias e unha saída son as citas do mes de decembro no programa laxense. A ruta será guiada por Lema Suárez o sábado 9, para visitar o patrimonio civil e relixioso da capital municipal.

A primeira conferencia será máis ben unha mesa redonda sobre accesibilidade, e despois falarase sobre o gótico mariñeiro e sobre o muíño do vento de Laxe.