Andaina Primavera no Camiño

A Asociación de Concellos do Camiño Inglés promove a apertura dun Camiño Seguro.
A Coruña e As Mariñas » Carral
xoves, 2 Xullo, 2020

O vindeiro 4 de xullo ás 10 da mañá todos os alcaldes do Camiño Inglés, encabezarán simultaneamente andainas no seu municipio celebrando unha cita xa clásica, Primavera no Camiño Inglés, que este ano ía ter lugar en Ferrol pero que, loxicamente, suspendeuse polo coronavirus. A idea é que cada corporación municipal percorra os quilómetros que ten de Camiño ata o límite administrativo co seguinte concello, actos aos que invita a toda a cidadanía, gardando as medidas de protección necesarias. Convocados pola asociación que recentemente crearon, o lema escollido para a ocasión é Camiño Inglés Seguro, xa que, en palabras do presidente desa entidade, Manuel Mirás, “a nós interésanos por riba de todo a seguridade tanto dos peregrinos como dos cidadáns que viven a carón desa ruta xacobea”.

Ás nove e media do sábado 4 haberá un acto protocolario de apertura do Camiño na ponte medieval de Sigüeiro, que une os concellos de Oroso co de Santiago. Do primeiro é alcalde Manuel Mirás, quen non agochou a súa impaciencia: “Levamos todos estes meses traballando pola reactivación dun Camiño Seguro, e o sábado daremos comezo á nova normalidade para o noso”.

O Camiño Inglés inicia así a súa andaina tras o estado de alarma con esa camiñada promocional dos 18 concellos que o conforman. Son dúas as variantes que transcorren integramente pola provincia de A Coruña; desde Ferrol pasando por Narón, Neda, Fene, Cabanas, Pontedeume, Miño, Paderne, Betanzos, Abegondo, Carral, Mesía, Ordes, Oroso e Santiago de Compostela. E a variante de A Coruña, comezando pola cidade herculina, pasando por Culleredo, Cambre, Carral, Abegondo e Mesía, uníndose aí co itinerario de Ferrol.