Ao redor de 40 persoas estrearon o Roteiro Cultural dos Amilladoiros, variante do Camiño Inglés

Na andaina participaron o alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, e o Conselleiro de Cultura, Román Rodríguez González.
A Coruña e As Mariñas » Abegondo
mércores, 8 Xullo, 2020

Ao redor de 40 persoas estrearon hoxe o novo Roteiro dos Amilladoiros deseñada polo Concello de Abegondo. Trátase dun percorrido de 6,2 quilómetros de lonxitude, entre Leiro e Beche, pasando por Vilacova.

Nesta primeira andaina participaron o alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, e o Conselleiro de Cultura, Román Rodríguez González. A Xunta de Galicia aprobou este itinerario como roteiro cultural xa que pon en valor os denominados amilladoiros, elementos patrimoniais conformados por pedras que amontoaban os peregrinos.

A senda aproveita parte do anterior trazado do Camiño Inglés, modificado hai 3 anos por Patrimonio, e alberga no seu trazado bens patrimoniais e especies naturais de relevancia. É o caso da Capela e a fonte de San Paio de Vilacova.

O Roteiro dos Amilladoiros funciona así como variante do Camiño Inglés actual, dado que empeza e remata nun punto da vía a Santiago. O Concello de Abegondo elixiu este trazado para completar a Andaina Primavera no Camiño que se celebrou este sábado por toda a provincia, organizada pola Asociación de Concellos do Camiño Inglés.