A área de Turismo da Deputación da Coruña cancela a participación en feiras por prevención sanitaria polo coronavirus

Trátase dunha medida de prevención para axudar a frenar o avance da pandemia
venres, 13 Marzo, 2020

O vicepresidente e responsábel da área de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, anunciou a decisión de cancelar a participación no programa de feiras e outros eventos internacionais para evitar riscos de contaxio polo coronavirus. 

O servizo de Turismo cancelou o programa de feiras e encontros internacionais nos que tiña previsto participar como medida de prevención pola crise provocada polo coronavirus. "Por unha parte quérese evitar riscos de contaxio por parte do persoal da Deputación e tamén contribuír ao control da evolución do mapa de difusión da enfermidade", sinalou Xosé Regueira.

Algúns destes eventos xa se cancelaron e outros anularanse ou trasladaranse de datas nos próximos días. Desde o servizo de Turismo considerase que os que se manteñen están a ter unha baixa repercusión pola caída de participantes e a anulación da asistencia de moitos dos países de grande impacto no sector.