

O departamento que dirixe o deputado Xosé Regueira impulsa así a liña de traballo que se centra na difusión da oferta turística dos distintos concellos que se presenta na feira Turexpo de Silleda.
O Salón Turístico de Galicia, Turexpo, que se desenvolveu en Silleda até o día 11 de xuño, acolleu por vez primeira a presentación pública da nova estratexia de comunicación da área de Turismo da Deputación da Coruña.
Os enderezos das redes sociais e da páxina web foron os elementos principais do posto que a área de Turismo ten en Silleda co obxectivo de aproveitar a ocasión para promover a nova presenza na rede para a difusión dos distintos destinos dos concellos da provincia. Como acción puntual no Salón, a área de Turismo da Deputación da Coruña buscou a participación do público coa escolla do lugar favorito dos distintos concellos.
"A nova estratexia de comunicación busca a fidelización da marca, algo que até agora non fixeramos mais coa posta en marcha das novas redes e a páxina web buscamos abrir horizontes para os distintos destinos turísticos, coa potencialidade que ten a promoción 2.0 no ámbito turístico", sinala o responsábel da área de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira.
Como noutras accións do departamento de Turismo, de maneira especial a presenza nas feiras, a nova estratexia de comunicación ofrécese como servizo á totalidade dos concellos, de maneira que son os seus recursos turísticos os protagonistas da promoción da Deputación da Coruña.
A páxina web ofrece información dos camiños de Santiago, do programa de Turismo Industrial e escolar, propostas de ocio e tempo libre como festas e feiras e sendas, roteiros e camiños e os procesos dos dous concursos que promove a área, o de fotografía turística e o de turismo escolar.
Os novos enderezos dos soportes de comunicación na rede da área de Turismo da Deputación da Coruña son:
dacoruna.gal/turismo
Twitter: @DACTurismo
Facebook: Turismo da Deputación da Coruña
Instragram: Dacturismo