Avanza o proceso de candidatura do xeodestino Costa da Morte como 'World Surfing Reserve', capitaneado pola Deputación da Coruña e no que participan activamente a comunidade surfista, os concellos e diversas entidades da comunidade local

O Forum Carballo acolleu esta semana unha nova xuntanza do Grupo promotor do proxecto impulsado por máis de 25 persoas, representantes de diversos organismos públicos e grupos de interese sectoriais
xoves, 2 Maio, 2019

Costa da Morte e a súa inherente riqueza en torno ao surf, será un dos candidatos neste 2019 do programa World Surfing Reserve, da prestixiosa ONG californiana Save the Waves que, de prosperar, convertería a este territorio na segunda Reserva Mundial de Surf declarada en Europa, tras da portuguesa Ericeira, e na doceava a nivel mundial.

A Deputación da Coruña lidera un proxecto para cubrir cos esixentes requirimentos que a entidade establece para a declaración e que, nesta primeira fase do proxecto culminará neste mes de maio coa entrega dunha Carta de solicitude, tal e como marca o procedemento establecido por Save the Waves.

Este documento será o resultado dun ambicioso traballo levado a cabo nos tres últimos meses, pois ademais de presentar dunha forma sintáctica os principais valores do territorio canto á calidade e consistencia das ondas, a identidade cultural e as características ambientais únicas do destino, deberá amosar a capacidade de goberno e apoio local á declaración que, de ser outorgada, se traduza nunha adecuada xestión e coordinación da Reserva a longo prazo.

Por este motivo durante este tempo se teñen levado a cabo numerosas reunións para configurar un  Grupo promotor da candidatura, no que están involucradas na actualidade máis de 25 persoas representantes de diversos organismos públicos e grupos de interese sectoriais.

Na reunión celebrada este martes 30 de abril a Comisión Operativa do Proxecto, presentaron ao resto de membros da Xunta Xeral os avances dende a última reunión da totalidade do grupo, o pasado 28 de marzo.

Así, presentáronse os spots a incluír na Candidatura e unha proposta preliminar da Carta, para que os membros poidan facer as achegas oportunas antes da presentación.

E, por outra banda, traballouse na planificación da visita de Tony Butt, representante para Europa da entidade Save the Waves, que nos días 12 e 13 deste mes estará en Costa da Morte para coñecer de primeira man o territorio e explicar aos membros do Grupo Promotor as implicacións que ten a declaración dun territorio como Reserva Mundial de Surf.