Avanza o proxecto Compostela Rupestre

Preséntase no Museo do Pobo Galego un libro-catálogo apoiado polo Colectivo A Rula
Presentación do libro de Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza
Presentación do libro de Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza
venres, 2 Xullo, 2021

O proxecto Compostela Rupestre, que tanto acariñamos dende a área de Turismo e Patrimonio da Deputación da Coruña ten unha nova trabe documental. Trátase do volume que recolle o traballo de Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza, unha referencia da arqueoloxía galega, para documentar os petróglifos do territorio que ve a luz cun proxecto de especial valor promovido polo colectivo A Rula que nos compracemos en apoiar. En total son 460 imaxes de 103 xacementos arqueolóxicos xunto cunha ampla documentación que o investigador atesourou e que forman xa parte da historia do parque. 

Na presentación  que tivo lugar no Museo do Pobo Galego participou o vicepresidente e deputado de Plans, Turismo e Patrimonio, Xosé Regueira, que destacou a relevancia da iniciativa para recuperar o traballo dunha figura que é fundamental para poñer en valor a riqueza arqueolóxica da comarca de Compostela.