Carballo abre a exposición do Premio Jesús Núñez de Arte Gráfica da Deputación da Coruña

A exposición das obras seleccionadas no X Premio Internacional de Arte Gráfica Jesús Núñez da Deputación da Coruña poderanse contemplar no primeiro andar do Pazo da Cultura de Carballo até o vindeiro día 5 de xuño.
Costa da Morte » Carballo
xoves, 25 Maio, 2017

O premio abre o vindeiro día 1 de xuño a nova convocatoria á que se poderán presentar obras até o 30 de xullo.

A exposición do X Premio Internacional de Arte Gráfica Jesús Núñez poderase visitar no Pazo da Cultura de Carballo até o vindeiro día 5 de xuño. A área de Cultura da Deputación da Coruña ten convocado xa unha nova edición do certame de creación artística para o que se poden presentar obras do 1 de xuño ao 30 de xullo.

A obra de Alejandra Lago Alejandre "Chrysallis", gañadora do X Premio Jesús Núñez de Ate Gráfica, é unha das pezas que se poden contemplar na exposición que até o día 5 de xuño estará aberta na sala do primeiro andar do Pazo da Cultura de Carballo. Canda ela, obras como as de Marta Aguirre, "Habitan o lugar máis alá da oculta aparencia"ou de Karol Pomykala, "Curiosity I" que foron finalistas da convocatoria así como da mención de honra que recaeu en David Maes integran a mostra que está a circular por distintos concellos da Coruña co fin de difundir a obra que foi recoñecida polo xurado do Premio de Artes Gráficas Jesús Núñez.

O premio, que leva o nome do fundador do Centro Internacional da Estampa Contemporánea de Betanzos, entidade que colabora na súa organización, chega xa a súa XII edición nunha nova convocatoria á que se poderán presentar obras do 1 de xuño ao 30 de xullo.

Concederase un primeiro premio está dotado con 6.500 € e unha exposición na Fundación CIEC ademais e dous accésits que consistirán nunha bolsa para a realización dun módulo do Máster de Obra Gráfica do CIEC.