Carballo converte os seus murais nun museo ao aire libre

Derribando muros con pintura crea novas ferramentas para seguir medrando: a iniciativa de arte urbana estrea páxina web, sinalización interactiva e un novo rueiro de man
Costa da Morte » Carballo
martes, 27 Novembro, 2018

Derrubando muros con pintura, o proxecto de arte urbana do Concello de Carballo medra para achegar ao maior número de persoas posibles o museo ao aire no que se ten convertido a vila, con 66 murais de artistas chegados de todo o mundo espallados por toda a capital municipal.

A iniciativa, que dende 2013 pretende mellorar e embelecer a faciana de Carballo pintando paredes, muros, edificios e rexenerando espazos deteriorados conta cunha nova páxina web  na que se recolle toda a información relativa aos murais, aos artistas e á localización de cada obra para poder dispoñer dos recursos a un só clic de distancia e en tres idiomas: galego, castelán e inglés.

Esta web ten o seu reflexo na sinalización interactiva de cada obra mediante paneis in situ diante de cada mural e dotados coas últimas tecnoloxías: información a través de códigos QR e antenas NFC  e  renovación do rueiro de arte urbana. Nel aparecen recollidos todos os traballos, incluídos os da última edición do Rexenera Fest (festival de arte urbana que se celebra cada ano no mes de maio). 

O obxectivo é dotar a veciños e veciñas e visitantes de novas ferramentas para gozar da iniciativa, que no último ano copou máis do 80% das visitas guiadas realizadas no Servizo de Turismo do Concello de Carballo, con preto de medio millar de persoas rexistradas nos percorridos tutelados polos murais.