A cuarta edición do Rexenera Fest terá lugar do 23 de maio ao 3 de xuño de 2018 en Carballo: cinco muralistas deixarán as súas respectivas obras para este crecente museo ao aire libre, ademais de seminarios, masterclasess, microconferencias, música en directo e un roteiro guiado. De Galicia, de Cáceres e de Arxentina son os artistas que mudarán a faciana de Carballo enchendo os seus muros de mensaxes e fantasía.
Un ano máis chega á vila o máis escolleito da arte urbana do momento reunindo ao mellor da escena galega, estatal e internacional. O festival serve como unha xanela de Carballo aberta ao mundo, que sitúa no mapa a vila a través das súas rúas e favorece un turismo cultural diferente na zona urbana do concello. Durante unha semana os e as artistas participantes estarán traballando en distintas localizacións, ás que os veciños, veciñas e visitantes poderán achegarse para apreciar a habilidade creativa e todo o proceso artístico de cada obra.
Os artistas convidados: Lula Goce (Galicia), Daniel Muñoz "SAN" (Cáceres), Bosoletti (Arxentina), Doa Oa (Galicia) e Milu Correch (Arxentina).
Toda a información sobre as actividades paralelas, os concertos ou o roteiro guiado de peche o domingo 3 de xuño, na web do Rexenera Fest.
Arte dende todos os puntos de vista, para toda a cidadanía e cun especial fin de festa no Fórum Carballo. Vide ao Rexenera Fest!