Carnota convértese no primeiro concello que dixitaliza as súas rutas de sendeirismo

Monte Pindo lanza en Google os roteiros de sendeirismo de Carnota
Costa da Morte » Carnota
xoves, 22 Febreiro, 2018

A Asociación Monte Pindo Parque Natural presenta publicamente os froitos do seu proxecto Trekker Monte Pindo,  desenvolvido  por esta entidade durante o 2017 en colaboración con Google, que permitiu mapear virtualmente os sendeiros de Carnota, nunha aposta decidida pola revalorización do medio natural e pola promoción do territorio.

Grazas a este ambicioso proxecto, desenvolvido coa participación de voluntariado, na actualidade pódense percorrer virtualmente, desde calquera lugar do mundo, a práctica totalidade das rutas de sendeirismo do concello de Carnota, a través de plataformas como Google Street View ou Google Maps.

A presentación terá lugar en dúas xornadas: a primeira, orientada á veciñanza, o vindeiro sábado 24 de febreiro ás 18:00 horas na Lonxa Vella de Lira, e a segunda, orientada a medios de comunicación, entidades e TICs, o mércores 28 de febreiro ás 11:00 horas no Salón Real do Hostal dos Reis Católicos, en Santiago de Compostela.

En ambos actos intervirán as persoas responsables técnicas do proxecto, así como o voluntariado que participou na captura das imaxes; e proxectarase un documental de 10 minutos sobre a execución desta iniciativa, producido por Guillermo Ascanio e Miguel Mariño, coa colaboración do Concello de Carnota.