Chegan a Betanzos as xornadas participativas de creación artística ao redor do Camiño Inglés

As penúltimas actuacións encadradas dentro do marco do programa “Do Camiño Vivido´19” celébranse en Betanzos
venres, 3 Maio, 2019

A compañía de danza contemporánea Serdanza e a participación de Kike Piñeiro entreterán ao público o 4 maio na Praza da Constitución como actividades de promoción e dinamización do Camiño Inglés.

Serdanza, proxecto persoal e coreográfico de Ana Serantes, únese en colaboración coas intérpretes Raquel Piñeiro, Inés Vieites, a propia Ana Serantes e o músico Iago Mouriño para achegarnos a peza “Camiño a_” de danza contemporánea. O argumento interpretativo da obra xira arredor dos obstáculos que nos saen no camiño ao intentar acadar a meta proposta, como o lastre que imos asumindo cando viaxamos nos fai desviarnos do camiño trazado e percorrer outras sendas que nun principio non contábamos con elas.

A hora designada para deleitarnos con esta mostra artística será ás 21.00, co plan alternativo de situala no edificio Matadoiro se chove tanto a actuación de Serdanza como a de Kike Piñeiro.

 

Ás 21.30 o escenario será de Kike Piñeiro onde teremos o pracer de observar unha demostración de cociña e degustación in situ. Co nome de “Saboreando o Camiño Vivido” Kike ofrecerá creacións culinarias cheas de sabores do mar e da terra típicos dese raigame gastronómico galego .