Ciclo de conferencias "Monografías do Allo"

O pazo das Torres do Allo acollerá un ciclo de conferencias todos os sábados do mes de outubro ás 17h sobre diferentes ámbitos disciplinares vencellados a este Ben de Interese Cultural.
Ciclo de conferencias "Monografías do Allo"
Ciclo de conferencias "Monografías do Allo"
Costa da Morte » Zas
mércores, 4 Outubro, 2017

O Concello de Zas, seguindo co seu obxectivo da posta en valor do seu patrimonio, organiza un ciclo de conferencias, “Monografías do Allo”, durante todos os sábados do mes de outubro. Con esta iniciativa preténdese dar máis a coñecer o seu valioso patrimonio, dinamizar e xerar, así, un destino cultural sostible, ademais de camiñar cara un maior posicionamento turístico de calidade, o cal reverta nunha mellora socioeconómica na zona.

O ciclo nace coa intención de converterse nun referente. Este desenvolverase todos os sábados de outubro ás 17h no propio pazo e terá un carácter multidisciplinar, posto que este ben inmoble non só é arquitectura, senón que tamén posúe un grandísimo valor inmaterial. Deste xeito, as “Monografías do Allo” abarcarán múltiples ámbitos e disciplinas intelectuais que estiveron vencelladas e mesmo presentes ao longo da historia do pazo das Torres do Allo.

A primeira conferencia será sábado, 14 de outubro cun dos poñentes máis esperados, o recoñecido arquitecto galego, Iago Seara, responsable da restauración do inmoble. A  seguinte xornada, o sábado 21, estará destinada á ciencia, e non podería estar mellor representada que polo doutor e catedrático de Bioloxía e Xeoloxía, Xosé A. Fraga Vázquez, o maior coñecedor da obra do naturalista do pazo, Víctor López Seoane. E finalmente, o último sábado, día 28, pechará o ciclo o presidente da SEMESCOM, catedrático de Xografía e Historia, Xosé Mª Lema, investigador de referencia para coñecer en profundidade as casas fidalgas na Costa da Morte.

Cada sábado, ao remate das conferencias, os poñentes realizarán unha visita guiada aos asitentes, unha ocasión única para observar diferentes interpretacións das Torres do Allo desde distintas perspectivas. 

Todas aquelas persoas interesadas en acudir, teñen unha cita, de balde, os sábados de outubro ás 17h nas Torres do Allo ou se o prefiren tamén poderán anotarse no correo electrónico info@torresdoallo.gal

Máis información aquí.