A CMAT lanza un sorteo en redes sociais para a promoción dos establecementos de Costa da Morte mediante paquetes turísticos experienciais

A iniciativa enmárcase dentro das actividades realizadas ó longo do ano para a promoción dos xeodestinos
venres, 6 Novembro, 2020

A CMAT puxo en marcha onte un novo proxecto para a promoción do turismo na Costa da Morte. Trátase dun sorteo de 28 paquetes experienciais; que estará vixente nos seus perfís de Instagram e Facebook (@visitacostadamorte) desde o 4 de novembro, ata o próximo 24 de novembro. Para participar, os usuarios deberán seguir estes perfís da entidade e darlle “gústame” á publicación que aparece nas mesmas. Todo o que o desexe poderá consultar as bases e a descrición dos premios na web da CMAT www.visitacostadamorte.com/ga/sorteopaquetes.

Para a elaboración dos paquetes turísticos, a entidade asinou un convenio coa empresa Naturmaz Viaxes, encargada da súa elaboración. Estes paquetes conteñen experiencias gastronómicas, culturais, de aventura… todas elas en establecementos da zona adheridos a APTCM e membros da CMAT.

A iniciativa enmárcase dentro do convenio entre Turismo de Galicia e CMAT para a promoción dos xeodestinos galegos. Por iso, o obxectivo dos paquetes turísticos é impulsar un turismo de proximidade seguro que aposta por públicos reducidos, -principalmente familiares e convivintes-, a atención persoalizada e o produto de “quilómetro cero” tan característico de Costa da Morte.