Comeza o ciclo de concertos Música na catedral en Dombate

O 17 de xullo comeza o ciclo de concertos Música na Catedral en Dombate
Costa da Morte » Cabana de Bergantiños
mércores, 15 Xullo, 2020

A catedral do megalitismo galego acollerá o 17 de xullo o primeiro concerto do ciclo Música na Catedral. Esta iniciativa para achegar a música clásica ao Dolmen de Dombate xorde como unha homenaxe a Beethoven no 250 aniversario do seu nacemento.

Os violinistas Ruslan Asanov e Dasha Pankratova serán os encargados de inaugurar o ciclo este venres. Interpretarán o seguinte repertorio no pavillón do Dolmen de Dombate: Sonata Op.3 nº1 de Jean-Marie Leclair, Dueto Op.8 nº3 de Ignace Pleyel e Dueto Op.8 nº4 de Ignace Pleyel.

Como todas as actividades organizadas pola Deputación da Coruña e o Concello de Cabana de Bergantiños no Centro Arqueolóxico Dolmen de Dombate, o concerto é gratuíto e terá lugar no pavillón do megalito. O aforo é moi limitado polo que se farán dous pases, ás 22:00 e ás 23:00. A reserva de entradas debe realizarse a través do correo: dombate2020@gmail.com indicando nome e teléfono de contacto.