Comezou en Oroso o I Encontro do Camiño Inglés

O concello de Oroso, alberga nas xornadas de onte e hoxe o I Encontro do Camiño Inglés, orientado a difundir e xerar coñecemento en torno a este itinerario
venres, 6 Outubro, 2017

Estase a celebrar no concello de Oroso, o I Encontro do Camiño Inglés, 600 anos en lembranza de Margery Kempe: un congreso que se inaugurou onte coa presenza do alcalde de Oroso Manuel Mirás, o deputado de turismo da Deputación da Coruña Xosé Regueira e a Directora de Turismo de Galicia, Nava Castro. 

Este encontro vertébrase no día de hoxe, con actividades ao longo da xornada que levan aos participantes a coñecer os aspectos máis relevantes deste camiño que discorre de forma íntegra pola provincia da Coruña.

Este primeiro encontro tamén serve de comezo para a exposición itinerante "Olladas ao Camiño Inglés" de José Manuel Yáñez, que recolle en 34 augatintas os fitos patrimoniais máis destacables do percorrido. Nesta inauguración, co aforo case completo, participaron os alumnos da escola de turismo da Coruña que se achegaron a ver e compartir este I Encontro.