Coñecedes o noso programa de turismo escolar? Pois aínda estades a tempo de participar no seu concurso

Por segundo ano consecutivo, a Deputación da Coruña convoca unha nova edición do concurso de “turismo escolar”, dirixido a todos os escolares de entre 3 e 16 anos dos centros educativos da provincia da Coruña
martes, 22 Maio, 2018

A Deputación da Coruña conta dende fai uns anos cun programa de visitas para os escolares aos recursos da provincia da Coruña, co fin de incentivar o coñecemento do patrimonio artístico, histórico e natural entre o alumnado dos centros de ensino da provincia, e á vez, que o alumnado sexa partícipe nesas visitas, que lles deixen pegada, xurdindo así a idea do concurso.

Que hai que facer para poder participar? Tan só ter realizado algunha visita a algún dos lugares descritos no programa de turismo escolar da Deputación da Coruña.

Os traballos que se presenten deberán versar sobre a visita turística realizada dentro do programa, e poderán presentarse en diferentes formatos: debuxos e traballos creativos (redaccións, collages, relatos ilustrados, etc). O Museo etnográfico da Capela, o castelo de Moeche, o Museo do Mar de Laxe, o Museo do Humor de Fene, o Muíño de mareas de Muros, a Casa Museo de Manuel Antonio ou a horta de froitas autóctonas en San Sadurniño son algúns dos setenta recursos históricos, patrimoniais e naturais que o catálogo de Turismo Escolar lles ofrece aos distintos centros de ensino da provincia.

Hai tres categorías: educación infantil e primaria, que poden levarse un lote de xogos ou unha colección de contos, e secundaria, que poden gañar un Ipad Air 2, entre outros. Non deixedes pasar esta oportunidade. Tendes ata o 30 de xuño de 2018 para presentarvos! 

Podedes consultar toda a información sobre o programa no seguinte enlace, e as bases para o concurso deste ano aquí.