A Deputación achega 650.000 euros para promover o turismo nos seis xeodestinos da provincia

Entidades de Ferrolterra, Muros-Noia, Arousa Norte, Terras de Santiago, As Mariñas e a Costa da Morte reciben estas axudas para mellorar a súa competitividade, aumentar a calidade dos servizos, organizar eventos e desenvolver produtos turísticos
venres, 25 Agosto, 2017

A Deputación da Coruña vén de aprobar a concesión definitiva do programa de subvencións dirixidas a entes de xestión, asociacións, mancomunidades e consorcios turísticos para a mellora da calidade e a competitividade, así coma a realización de actividades turísticas durante o ano 2017. En total, a Deputación concedeu 560.000 euros a oito entidades de toda a provincia.

Esta liña de axudas responde á vontade do goberno provincial de promover os seis xeodestinos da provincia, fomentando un turismo de calidade e impulsando a profesionalización e a modernización do sector turístico. Por ese motivo, para a concesión das achegas valoráronse especialmente os plans de formación e de actualización dos profesionais do sector.

As axudas provinciais financian tamén a organización e celebracións de eventos e o desenvolvemento de novos produtos, co obxectivo de dinamizar e diversificar a oferta turística no entorno.

O xeodestino de Ferrolterra é o que máis achegas concentra, un total de 180.000 euros que se reparten entre a Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol,  para elaborar un plan de promoción das Rías Altas e a Sociedade Mixta de Turismo de Ferrol, á que se lle concederon 80.000 euros para potenciar rutas coma a das Meninas de Canido ou o Camiño Inglés.

Así mesmo, na comarca de Barbanza foron tres os entes turísticos que solicitaron as axudas da Deputación. A Asociación Rural de Desenvolvemento da Ría de Muros-Noia recibiu 40.000 euros para realizar cursos para profesionais do turismo e desenvolver o programa "Experiencia Ría de Muros-Noia", que inclúe actividades gastronómicas, culturais e deportivas.

Así mesmo, a Asociación Sociocultural Auga e Sal utilizará os 20.000 euros achegados pola Deputación para adquirir material de promoción e realizar visitas guiadas na contorna de Muros. Por último, a Mancomunidade da ría de Arousa-Zona Norte, que conta cunha achega provincial de 60.000 euros, financiará a participación en feiras internacionais coma ITB Berlín, WTM Londres ou o Salón Náutico de París, así como a organización de eventos turísticos na zona.

Doutra banda, Información e Comunicación Local (INCOLSA) tamén contará cunha achega provincial de 120.000 euros para levar a cabo accións coma o evento Santiago (é)tapas, desenvolver unha aplicación turística e realizar novas actividades arredor da música e as tradicións populares no xeodestino das Terras de Santiago.

Unha achega da mesma contía económica tamén foi concedida ao Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña, para realizar actividades na zona das Mariñas.

No xeodestino da Costa da Morte, a Deputación contribuirá, cunha achega de 20.000 euros, ao desenvolvemento do programa "O Encaixe no Camiño", do que se encarga a asociación de Empresarios e de Promoción Turística de Camariñas.