A Deputación asina con cinco concellos o proxecto de creación do Parque Compostela Rupestre

O deputado Xosé Regueira destaca a colaboración institucional nunha iniciativa para a que a Deputación destina 500.000 €
mércores, 19 Setembro, 2018

A Deputación da Coruña e os concellos de Ames, Brión, Santiago de Compostela, Teo e Val do Dubra asinaron o convenio de colaboración que dará luz verde á creación do Parque Compostela Rupestre. A Deputación destinará 500.000 euros que reverterán na mellora e promoción do patrimonio rupestre do territorio.
A vicepresidenta Goretti Sanmartín Rei e o deputado de Plans, Turismo e Patrimonio, Xosé Regueira en representación da Deputación da Coruña, o alcalde e o tenente de alcalde de Ames, José Miñones e David Santomil; o alcalde de Val do Dubra, Antonio Negreira, a tenente de alcalde de Brión, Yolanda Bouzas; o concelleiro de Santiago, Jorge Duarte e a de Teo, Pilar Pérez, participaron no acto en que se asinou o convenio que contempla a constitución dunha comunidade intermunicipal para a xestión do Parque Compostela Rupestre.
O convenio establece a cooperación entre os cinco concellos, coa participación da Deputación da Coruña co fin de agrupar os medios materiais e recursos económicos co fin de promover e xestionar de forma conxunta o proxecto de promoción e posta en valor da arte rupestre do territorio comprendido nos cinco municipios. O convenio ten vixencia por catro anos, prorrogábeis a outros catro, e a Deputación da Coruña fai para o seu desenvolvemento unha achega económica xa consignada nos orzamentos de 500.000 euros.

A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, destacando que se trata dun "convenio histórico entre a Deputación e os cinco concellos para poñer en valor e promover o patrimonio rupestre, nun espazo de colaboración de especial interese".
"Botamos a andar un proxecto en que temos depositadas grandes esperanzas e que responde á necesidade de que a sociedade coñeza e rescate a súa propia historia. A mancomunidade de Compostela ten un patrimonio riquísimo que vai máis alá da referencia que é a Catedral e este convenio vainos dar moitas posibilidades en todo o territorio", explicou o deputado de Plans, Turismo e Patrimonio, Xosé Regueira.
Anotou Regueira que a achega económica da Deputación é un primeiro paso mais agarda que, no futuro, "tanto concellos como Xunta e Estado se animen a colaborar co proxecto e tomen iniciativas a favor do parque Compostela Rupestre co fin de que cada vez teña máis músculo e vigor". Anunciou que no prazo de dúas semanas se constituirá o primeiro Comité de dirección do proxecto a través do que se irán asignando os fondos para diferentes cuestións como a mellora do entorno e o estado dos xacementos, un plan director ou un plan de comunicación.

A totalidade de representantes dos cinco concellos que asinaron o convenio agradeceron á Deputación da Coruña o seu compromiso á hora de promover e apoiar o Parque Compostela Rupestre e a súa función á hora de coordinar a iniciativa.