A Deputación da Coruña aposta por FITUR como plataforma para o proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal

O vicepresidente de Turismo, Xosé Regueira, defenderá o territorio da Coruña como destino seguro e de calidade para a recuperación do sector.
Vista aérea de FITUR
Vista aérea de FITUR
mércores, 12 Maio, 2021

A área de Turismo da Deputación presentará na Feira Internacional de Turismo (FITUR) a semana que vén o proxecto de Cabo Ortegal, que proximamente presentará a súa candidatura a Xeoparque pola UNESCO. O proxecto está integrado polos concellos de Valdoviño, Cedeira, Cerdido, Cariño, Ortigueira, San Sadurniño e Moeche. Coa axuda da Deputación, pretende consolidarse como candidatura para este 2021, ademais de presentarse aos Plans de Sustentabilidade Turística en Destino.

 

Na feira presentarase Cabo Ortegal como destino turístico e patrimonial, co obxectivo de fortalecer a súa candidatura á declaración da UNESCO. Esta exposición levarana a cabo en conxunto Xosé Regueira, vicepresidente e deputado de turismo da Deputación,  Alberto González, presidente do consello de dirección do proxecto e alcalde de Valdoviño e Francisco canosa, doutor en Xeoloxía colaborador do proxecto

 

Nesta edición de FITUR, caracterizada pola súa limitación de prazas e controis que esixen probas previas pola pandemia, o público dos actos estará composto por alcaldes e alcaldesas do territorio, que buscarán na feira apoios á proposta e contactos con prensa especializada e axentes turísticos de especial interese para difundir e consolidar a candidatura.

 

Xuntanzas profesionais para a promoción de destinos seguros

Lembra o vicepresidente que xa en edicións anteriores FITUR foi unha ocasión “singular para comunicarse con outras iniciativas similares, e darse a coñecer a axentes de especial interese neste espazo de encontro, no que ao programa oficial haille que sumar reunións e encontros que teñen tanto interese, e das que se saca beneficio para os distintos xeodestinos da Coruña”.

 

Seguindo isto, durante os tres días da feira para profesionais, Xosé Regueira manterá reunións con distintas empresas e entidades de ámbito público do turismo, ademais de con axentes e medios de comunicación especializados, co fin de acadar acordos e dar a coñecer os recursos da provincia.