A Deputación da Coruña comparte co persoal dos concellos a súa plataforma de promoción turística

O deputado, Xosé Regueira, destaca a colaboración a través do novo recurso da área
   A Deputación da Coruña comparte co persoal dos concellos a súa plataforma de promoción turística
A Deputación da Coruña comparte co persoal dos concellos a súa plataforma de promoción turística
martes, 19 Setembro, 2017

A Área de Turismo da Deputación da Coruña convocou a persoal técnico municipal a unha xuntanza formativa co fin de poñer a plataforma web ao dispor das necesidades dos concellos. A reunión, que se celebrou esta mañá no Pazo de Mariñán, estivo presidida polo responsábel da área, Xosé Regueira.

Representantes e técnicos de turismo da maior parte dos concellos da Coruña participaron na xuntanza que se desenvolveu esta mañá no Pazo de Mariñán co fin de habilitar para o seu uso ao persoal municipal. Na xuntanza, o deputado Xosé Regueira destacou a relevancia de contar cunha plataforma de difusión turística co fin de "avanzar de maneira conxunta cos concellos na promoción dos destinos turísticos cunha web dinámica, interactiva e participativa, unha páxina en que o usuario pode, en tempo real, coñecer o que está a pasar e as previsións de propostas e actividades".

Xosé Regueira aproveitou tamén a xuntanza para destacar o impulso que supón a nova iniciativa da Deputación co fin de reforzar as páxinas web de turismo municipal ao tempo que ofrece unha ferramenta de grande utilidade a aqueles concellos que non contan con plataformas propias na rede. O deputado da Área de Turismo destacou a importancia desta nova coordinación a través do espazo virtual e a cooperación entre o persoal técnico de turismo dos concellos e a Deputación da Coruña, nunha maneira de traballar que se vén desenvolvendo en distintos ámbitos como a participación en feiras e outros proxectos.

A xornada centrouse na formación e a resolución de dúbidas do persoal técnico municipal para facilitar o seu acceso e o aproveitamento das posibilidades que a nova web de Turismo da Deputación ofrece.