A Deputación da Coruña, a comunidade surfista e os concellos de Costa da Morte, impulsan a candidatura de máis de 10 praias do xeodestino como 'World Surfing Reserve'

Costa da Morte e a súa inherente riqueza en torno ao surf, será un dos candidatos neste 2019 ante a prestixiosa ONG 'Save the Waves Coalition'
venres, 29 Marzo, 2019

Save the Waves Coalition é unha ONG californiana que naceu no 2009 coa finalidade de protexer as ondas e praias dun alto valor ambiental, cultural, económico e social. Baixo a figura de World Surfing Reserve, ten recoñecido once territorios mundiais, os cales, grazas a esta figura, convertéronse en destinos mundiais de surf. Destas reservas, tres atópanse en Australia, sete no continente americano, pero só unha en Europa (Ericeira, Portugal).

Este xoves 28 de abril no concello de Carballo, fíxose pública a candidatura de Costa da Morte coma a primeira WSR española e a segunda europea: “unha oportunidade única de desenvolvemento local sustentable do xeodestino e de protección das súas praias onde se practica este deporte”, resalta Xosé Regueira. Nesta produtiva reunión e ante unha sala copada cos concellos e empresarios do ámbito territorial, os representantes da Comisión Operativa deste proxecto (as escolas locais de surf, a Federación Galega de Surf e a Deputación), acompañados da Xefa territorial da Consellería de Medio Ambiente, puxeron en valor a calidade das ondas nas súas praias e o potencial inherente para atraer a este perfil de ecoturista.

“Costa da Morte está especializado naqueles viaxeiros que buscan praias naturais onde pasar as súas vacacións collendo boas ondas”, destacan os membros desta comisión. As praias de Razo, Baldaio, Malpica, Caión, Nemiña, Mar de Fora ou Seaia, entre outras, serán os eixos neurálxicos que sosterán a carta de candidatura da Costa da Morte World Surfing Reserve neste 2019.

A Deputación velará non só polo posicionamento do xeodestino neste nicho de mercado deportivo, senón que desenvolverá o proxecto dende a premisa do desenvolvemento sustentable, é dicir, fomentando a participación activa da comunidade local, a xeración de emprego a partir dos seus recursos naturais e preservando os valores ambientais das praias en cuestión.

A finalidade deste foro cumprimentouse con éxito, xa que os representantes da CMAT, a Consellería de Medio Ambiente, a Asociación Turística Muxía Natural, e os concellos do litoral de Costa da Morte prestáronse activamente a cooperar na candidatura da reserva como integrantes da Xunta Xeral.

Habilitado o novo perfil de Facebook ‹‹Costa da Morte World Surfing Reserve Candidature››, convidamos a coñecer os avances deste proxecto.