A Deputación da Coruña e o Proxecto Mar Galaica inician contactos para a colaboración na promoción do turismo litoral

O deputado Xosé Regueira defende a aposta por un turismo sostíbel que conserve os valores do litoral.
venres, 22 Setembro, 2017

Despois dunha xuntanza na Deputación da Coruña, o deputado da área de Turismo, Xosé Regueira, comprometeuse a buscar fórmulas de colaboración co Proxecto Mar Galaica promovido polo Grupo de Acción Local do sector Pesqueiro (GALP), en especial, a ruta dos faros. Regueira insistiu na necesidade de apostar por un turismo sostíbel na costa.

Turismo de calidade e sostíbel é o lema da acción de goberno da Deputación da Coruña no sector e esa foi tamén a mensaxe do deputado Xosé Regueira na xuntanza con representantes do Grupo de Acción Local do sector Pesqueiro na Deputación da Coruña.

O GALP ten como obxectivo a creación de produto común de turismo do mar, para o desenvolvemento sostíbel das Zonas de Pesca, ao amparo das estratexias de desenvolvemento local participativo. Neste sentido, promoven o Proxecto Mar Galaica coa ruta dos faros como un dos seus eixos para o que solicitaron colaboración da Deputación da Coruña.

"A nosa costa é unha das fortalezas da promoción turística galega, mais fronte a un turismo invasor cómpre garantir unha proposta sostíbel que permita traballar tamén de cara a un futuro no que a paisaxe continúe a ser un dos nosos valores turísticos", sinalou Xosé Regueira que defendeu tamén a necesidade de que o mar continúe a ser unha fonte de emprego para sectores ligados ao mundo da pesca, polo que considera que a continuidade do proxecto dos Grupos GALP debería garantirse coa participación de todas as administracións.

Na xuntanza, o responsábel da área de Turismo da Deputación da Coruña comprometeuse a buscar novas fórmulas de colaboración para promocionar a ruta dos faros coa participación tanto do sector privado como do público, e emprazou aos grupos GALP a acelerar os contactos coa Xunta de Galicia e o resto das administracións provinciais para que unha vez coñecida a implicación de cada unha na continuidade do proxecto se decida o modelo de participación.