A Deputación da Coruña e os concellos impulsan a través dun convenio o proxecto do Parque Arqueolóxico da Idade de Ferro

Os concellos de Porto do Son, Boiro, Ribeira, A Pobra do Caramiñal e Rianxo apostan polo seu patrimonio castrexo
Ría de Arousa Norte » A Pobra do Caramiñal
martes, 11 Maio, 2021

Aposta polo patrimonio arqueolóxico, posta en valor de recursos históricos, promoción do turismo cultural e de calidade e cooperación institucional son algúns dos eixes do convenio de colaboración co que se materializa a constitución do Parque Arqueolóxico da Idade de Ferro. O acordo foi asinado onte por representantes dos concellos de Porto do Son, Boiro, Ribeira, A Pobra do Caramiñal e Rianxo nun acto en que participaron o presidente e vicepresidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso e Xosé Regueira.

O alcalde de Boiro, José Ramón Romero García; o alcalde da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro García; o de Rianxo, Adolfo Muíños; o de Ribeira, Manuel Ruíz Ribas, o concelleiro de Porto do Son, Juan Pouso e o vicepresidente e deputado de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, asinaron o convenio de colaboración polo que se formaliza o Parque Arqueolóxico da Idade de Ferro co que se dá un paso definitivo para o impulso dunha iniciativa de especial interese patrimonial, cultural e turístico do territorio da Arousa Norte e o Barbanza.

No acto de sinatura, o vicepresidente da Deputación e responsable da área de Turismo, Xosé Regueira, destacou que co convenio dase un "impulso definitivo por un turismo sostíbel e de calidade, aproveitando recursos de especial interese para o territorio como é o seu riquísimo patrimonio que contribuirá a diversificar un destino coñecido por outros valores seguros como son as súas praias, a súa paisaxe ou a súa gastronomía".

"Con este plan da Deputación imos conseguir que a Idade de Ferro se converta en ouro puro na nosa comarca", sinalou o alcalde de Ribeira, Manuel Ruíz Ribas mentres o alcalde de Boiro, José Ramón Romero García destacaba o "patrimonio como valor engadido ao turismo na comarca do Barbanza" e facía fincapé na colaboración institucional á hora de defender o proxecto.

"Queremos mostrar a nosa satisfacción por materializar o convenio e o impulso que supón á difusión e promoción dos monumentos castrexos da nosa comarca que queremos facer un dos eixes vertebradores do turismo cultural e histórico", apuntou o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños ao tempo que o responsábel da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro García, consideraba que a iniciativa é "unha oportunidade para poñer en valor o patrimonio e dalo a coñecer á cidadanía". No acto participou tamén o concelleiro de Porto do Son, Juan Pouso, municipio que asume a primeira presidencia do Parque Arqueolóxico da Idade de Ferro.

O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, destacou tamén as similitudes con outros proxectos nos que a área de Turismo que dirixe está a traballar en colaboración directa cos concellos do territorio como son o Xeoparque de Ortegal, o Parque do Megalitismo da Costa da Morte ou Compostela Rupestre. "Contamos cun riquísimo patrimonio que é de especial interese neste tempo en que o sector ten que botar man de todas as ferramentas para recuperarse da crise provocada pola pandemia", sinala Xosé Regueira.

No Parque da Idade de Ferro, o Castro de Isorna, en Rianxo; os de Neixón e de Achadizo, en Boiro; o da Croa de Postmarcos, na Pobra do Caramiñal, e o Castro da Cidá, en Ribeira, son algúns dos recursos dun proxecto que terá identidade propia coa posta en valor do patrimonio vinculado á Idade de Ferro.

O proxecto desenvolverá, entre outras, accións de protección e sinalización de recursos, deseño e realización de rutas ademais de implementación de novas ferramentas para a súa difusión.

O obxectivo da comunidade intermunicipal é, segundo se sinala no texto do convenio, a "posta en valor do patrimonio arqueolóxico existente nos respectivos termos municipais, no marco das competencias propias que lle corresponden en materia de promoción económica, desenvolvemento territorial e turismo". A xestión estará dirixida por un Consello de Dirección do que formarán parte dous representantes da Deputación e dous de cada unha das corporacións participantes. O convenio ten unha vixencia por catro anos, prorrogable a outros catro.