A Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia constitúen unha Mesa de Traballo para impulsar o Camiño Inglés e o de Fisterra-Muxía con representación de todos os sectores da sociedade implicados

O Pazo de Mariñán acolleu o acto de constitución da Mesa, na que participan institucións, universidades, concellos e entidades de representación social e económica das comarcas e concellos polos que discorren estes itinerarios xacobeos
Constitución da Mesa dos Camiños
Constitución da Mesa dos Camiños
venres, 4 Xuño, 2021

Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña, destacou que "a mesa é un reflexo da pluralidade da provincia, coa implicación de todo o tecido social, empresarial, comercial e institucional" e incidiu en que é "unha oportunidade para o mundo rural porque xera unha economía alternativa".

O  vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda cre que "temos unha enorme oportunidade con este ano e medio de Xacobeo" e a provincia da Coruña ten "esa sorte de ser o final de todos os Camiños e aquí tívose a intelixencia de poñer ese valor engadido de potenciar estes dous tramos, á vista están os resultados que indican que están medrando moitísimo grazas ao bo traballo que se fixo".

Pola súa parte, o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, explicou que "temos que ir facendo camiño como se debe facer, que é facendo comunidade, acompañándonos os uns aos outros e buscar ese escenario de colaboración que debe ser leal e con iso conseguiremos os obxectivos que nos temos formulados".
O deputado Antonio Leira, que presidirá por delegación do presidente este órgano, incidiu tamén na importancia de "traballar coordinadamente" e "sumar esforzos" para potenciar estas rutas nunha provincia que é o epicentro do Camiño.

A Mesa dos Camiños constituída onte centrarase nos dous que discorren integramente pola provincia da Coruña, o Camiño Inglés e o Camiño Fisterra-Muxía, e ten como algúns dos seus obxectivos ter información da Xunta sobre os proxectos, desenvolver o coñecemento e fomento da súa conservación e valorización, difundir, a nivel nacional e internacional o seu valor cultural ou sensibilizar ás autoridades locais de cara ao traballo conxunto para mellorar o patrimonio material e inmaterial, entre outros.

Nesta primeira xornada inaugural, a Mesa xa debateu e aprobou a primeira proposta formal, presentada pola Confederación de Empresarios da Coruña (CEC), para que se inicie a tramitación do expediente de inclusión do Camiño Inglés na lista de Patrimonio Mundial da UNESCO, formulada polo seu presidente, Antonio Fontenla Ramil.