A Deputación da Coruña financia actividades arredor do Castelo e a Feira de Moeche

A Deputación da Coruña financia o programa de actividades arredor do Castelo e a Feira de Moeche a través dun convenio que asinaron o deputado de Cooperación, Plans Provinciais, Asistencia a Municipios, Turismo e Patrimonio Histórico Artístico, Xosé Regueira, e a alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy
Ferrolterra e Eume » Moeche
luns, 5 Xuño, 2017

A achega da Deputación é de 11.800 euros con destino á organización de feiras, exposicións e atención a visitantes.

"O castelo non é un recurso patrimonial e turístico de grande relevancia no concello senón que tamén é fundamental no desenvolvemento da economía local, como motor económico", sinala a alcaldesa Beatriz Bascoy que este luns, 5 de xuño, asinou na Deputación o convenio de apoio ao programa de actividades arredor do Castelo e a Feira de Moeche. A Deputación achega a través do convenio 11.800 euros, do total de 14.750 dun orzamento que contempla unha exposición de cantería, unha exposición da Historia Irmandiña e o Castelo de Moeche, a celebración de dúas feiras e a súa propia difusión.

O castelo de Moeche constitúe o foco de atracción turística máis importante do municipio e a Deputación da Coruña apoia o desenvolvemento de actividades que supoñen tamén a dinamización de sectores económicos municipais coma a hostalería, o sector lácteo ou a artesanía. "Un recurso patrimonial como o Castelo de Moeche é relevante tamén pola súa repercusión na economía do concello e, nese sentido, o programa de actividades é especialmente interesante porque vincula a súa condición histórica e identitaria coa potencialidade para os sectores produtivos do municipio", destaca o deputado Xosé Regueira.

O programa de dinamización inclúe tamén un conxunto de visitas guiadas que mostrarán as distintas dependencias do Castelo, a súa historia e a repercusión que o ben patrimonial tivo na poboación do concello nas súas distintas etapas. A visita tamén inclúe unha descrición da construción do edificio, a súa reconstrución tras a Revolta Irmandiña e a súa repercusión na historia de Moeche e de Galicia, e tamén sobre a importancia da pedra do toelo, un tipo de rocha verde representativa do concello e que orixinou unha grande actividade económica.

As visitas guiadas terán unha duración de dúas horas e poderán realizarse os sábados, domingos e festivos, tanto pola mañá coma pola tarde. O concello organizará tamén visitas para os centros escolares que o soliciten.

Na programación acordada para este ano, figura a tradicional Feira de Nadal, durante a primeira quincena de decembro, co obxectivo de dinamizar o comercio e a hostalería local a través dun mercado centrado na gastronomía e a artesanía. Nesta feira, terán un papel especial as actividades máis arraigadas no municipio, coma a cantería con pedra de toelo.

A oferta cultural no Castelo de Moeche complétase cunha exposición de cantería e as mostras máis emblemáticas coas que conta o municipio e outra sobre a historia Irmandiña e as pezas de valor histórico descubertas nas escavacións.