A Deputación da Coruña financia a homologación do Camiño dos Faros como senda de Gran Percorrido

Achega case oitenta mil euros para cosolidar a ruta que atravesa nove concellos.
mércores, 8 Novembro, 2017

Nun dos enclaves máis espectaculares da ruta, o faro vello do Cabo Vilán, o deputado de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, e o presidente da Asociación o Camiño dos Faros, Carlos Tasende, asinaron o convenio que financiará o plan de actuación necesarias para a homologación da ruta como senda de Gran Percorrido. Ao acto asistiron alcaldes e representantes municipais de concellos que atravesa o Camiño dos Faros.

A área de Turismo da Deputación e a Asociación o Camiño dos Faros escolleron o Cabo Vilán e a hora do solpor para rubricar un acordo que suporá o impulso definitivo á ruta que atravesa 9 concellos da Coruña nun escenario dunha beleza única. A Deputación achega, segundo o convenio, un total de 78.152,00 € -o 80% do total do orzamento que ascende a 97.686, 00€- para financiar o plan de actuacións necesarias para a homologación como Senda de Gran Percorrido (GR) do Camiño dos Faros.

O deputado Xosé Regueira lembra que “confiouse na fortaleza deste proxecto a nivel turístico e tanto é así que o pasado ano decidiu presentalo en Fitur, un dos máis importantes escaparates do sector, e a partir de aí comezou un periplo administrativo que remata agora coa formalización deste convenio que é fundamental para a súa consolidación, protección e promoción”. Agarda que “outras administracións que van ter que ditaminar sobre a homologación demostren o mesmo grao de compromiso cunha ruta de gran valor turístico, económico e patrimonial”. Para o deputado, o “Camiño dos Faros é agora mesmo un dos produtos máis recoñecíbeis de Galiza nos mercados tanto estatais como internacionais entre o público que busca o contacto co medio natural e o camiñar como forma de facer turismo”. Ademais, recoñece a ruta como un “aliciente económico para unha comarca como a da Costa da Morte que ten potencial mais que precisa insistir na profesionalización do sector e na captación de recursos foráneos ao territorio”.

“O convenio significa que un proxecto que naceu hai 5 anos de forma voluntariosa recibe o recoñecemento dos 9 concellos e tamén da Deputación que se implica na súa homologación. Para nós é un respaldo que consolida a ruta e asegura o seu futuro”, sinalan desde a Asociación o Camiño dos Faros. O obxectivo da entidade é que o “camiño exista formalmente e que o recorra moita xente mais co máximo respecto pola natureza. Nestes anos conseguiuse deseñar un camiño que non existía, promocionalo e que viñera xente de toda Europa en base a traballo social e moito voluntariado”, explican dunha ruta que definen como “espectacular; hai historia, arte patrimonio, acantilados únicos, natureza singular e unha paisaxe sobrecolledora”.