A Deputación da Coruña levas as propostas turísticas de nove concellos e o xeodestino Arousa Norte á Feira Ibérica de Turismo

Os concellos de Carballo, Mugardos, Malpica, Padrón, Ponteceso, Laxe, Oroso, Vimianzo, Muxía exporán o seus recursos en Portugal do 28 de abril ao 1 de maio
venres, 27 Abril, 2018

Incrementar a visibilidade e posicionar os recursos naturais, culturais, gastronómicos, litorais e a artesanía dos concellos, son os obxectivos cos que acode a área de Turismo da Deputación da Coruña á V edición da Feira Ibérica de Turismo (FIT), que entre os días 28 de abril e 1 de maio, se desenvolverá na cidade portuguesa da Guarda.

A Deputación da Coruña deseñou para este certame un intenso programa de actividades en que a degustación dos produtos de calidade de cada municipio xunto coa promoción dos seus recursos turísticos conforman a grande aposta da institución para activar as sinerxías entre Galiza e Portugal.

O deputado e responsábel da área de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, subliñou que a Feira Ibérica de Turismo é “un escenario inigualábel para potenciar turismo de proximidade entre Galicia e Portugal”, unha modalidade, afirmou “que está a rexistrar uns fluxos turísticos moi positivos en ambas direccións”.

Coa intención de captar a atención dos visitantes, durante o serán do sábado 28 abril, os concellos de Vimianzo, coa presentación do seu patrimonio vivo, Muxía coa súa oferta de turismo ornitolóxico, os oleiros de Malpica, os recursos litorais e as redeiras de Ponteceso, o vermú padronés de Petroni e Mugardos coa Festa do Pobo, formarán parte da programación vespertina.

Xa na xornada do domingo 29, dará comezo co showcooking “Troitas de Oroso”, e seguirá con degustacións dos viños de Betanzos e Vedra, a empanada de xoubas de Laxe, o pan de ovo de Carballo, os doces de Vimianzo e unha ampla variedade de conservas do xeodestino Arousa-Norte.

Ademais destas actividades, o stand da Deputación da Coruña proporcionaralle aos visitantes da Feira Ibérica de Turismo toda a información de carácter xeral que precisen sobre os produtos e servizos turísticos que posúe a provincia .