A Deputación da Coruña mostra en FITUR confianza en que o proxecto de Cabo Ortegal sexa declarado Xeoparque Mundial pola UNESCO

O vicepresidente e deputado de turismo, Xosé Regueira, participa no acto oficial no primeiro día da Feira Internacional de Turismo de Madrid xunto co presidente do Consello de Dirección do proxecto, Alberto González, a Directora de Turismo da Xunta, Nava Castro e o xeólogo Francisco Canosa.
Xosé Regueira, vicepresidente e deputado de Turismo, durante a presentación do Proxecto do Cabo Ortegal
Xosé Regueira, vicepresidente e deputado de Turismo, durante a presentación do Proxecto do Cabo Ortegal
venres, 21 Maio, 2021

Durante esta semana, a Deputación da Coruña acude á Feira Internacional de Turismo (FITUR), en Madrid, co obxectivo de dinamizar distintos proxectos, ca fin de contribuír á recuperación do sector turístico.

Durante o primeiro día do encontro, a Deputación presenta no stand de Galicia o Proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal, que integra os concellos de Cedeira, Cerdido, Cariño, Ortigueira, San Sadurniño, Moeche e Valdoviño e está preparando a súa candidatura a Xeoparque pola UNESCO. Durante esa presentación, na que participaron tanto o vicepresidente e deputado de turismo da Deputación, Xosé Regueira, como o presidente da Asociación para a xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal e alcalde de Valdoviño, Alberto González, ademais de Fran Canosa, xeólogo participante no proxecto e Nava Castro, Directora da Axencia de Turismo de Galicia; explicouse o proxecto, e Regueira asegurou que “o recoñecemento UNESCO non é só fundamental para o desenvolvemento da estratexia turística na que Concellos, Deputación, Xunta de Galicia e sociedade estamos a colaborar, senón tamén para presentar o que xa é unha realidade”.

Tamén durante esta primeira xornada de FITUR, a Asociación de Municipios do Camiño Inglés, arroupada por multitude de personalidades de diversas entidades públicas, entre as que se atopaba Antonio Leira, deputado da Deputación, presentou ese Camiño como unha gran opción para peregrinar a Compostela e estrou un vídeo promocional protagonizado por Paco Nadal, periodista especializado en viaxes.