A Deputación da Coruña organiza un programa de aulas científicas no Centro Arqueolóxico Dolmen de Dombate

"A luz da ciencia dende o Dolmen de Dombate" componse dunha serie de aulas científicas, organizadas pola Deputación e o Concello e dirixidas polo físico Jorge Mira, nas que participan investigadores e especialistas en diferentes disciplinas.
Costa da Morte » Cabana de Bergantiños
mércores, 24 Marzo, 2021

A ciencia será a protagonista do programa que a Deputación da Coruña, en colaboración co Concello de Cabana de Bergantiños, bota a andar o vindeiro venres día 26 de marzo coa primeira xornada no Museo do Dolmen de Dombate e dispoñíbeis na rede desde o día 27.

A astronomía é o centro do primeiro dos encontros científicos que se desenvolven, como destacou o físico e coordinador Jorge Mira, no territorio en que se produce o último sol de Europa, cun grande potencial para o turismo astronómico. Na presentación participaron tamén o deputado de Patrimonio, Xosé Luís Penas e o alcalde de Cabana de Bergantiños, José Muíño.

A Aula de Estudos Científicos da USC acolleu onte 23 de marzo, a presentación do programa 'A luz da ciencia desde o Dolmen de Dombate', unhas aulas científicas organizadas pola área de Patrimonio da Deputación da Coruña coa colaboración do Concello de Cabana de Bergantiños. Esta iniciativa de divulgación científica estrutúrase en xornadas de periodicidade trimestral.

No acto de presentación participaron o alcalde, José Muíño, o deputado de Contratación e Patrimonio, Xosé Luís Penas e o físico Jorge Mira. 

O deputado de Patrimonio, Xosé Luís Penas, agradeceu a colaboración do Concello de Cabana, e sinalou que estas xornadas "veñen para quedarse cun programa específico que vai tocar moitos temas, desde a astronomía ás vacinas ou outros aspectos da pandemia e tamén de patrimonio". Anunciou que serán cinco as xornadas que terán o Museo de Dombate como escenario, coordinadas polo científico Jorge Mira, co obxectivo de "facilitar o acceso de información científica a toda a sociedade" e, neste sentido, apuntou tamén que as xornadas serán posteriormente de acceso libre na rede, co fin de chegar a un número maior de público do que permite o protocolo da Covid-19. Ademais, o deputado fixo fincapé na vontade de poñer en valor e achegar á sociedade o riquísimo patrimonio da Deputación da Coruña que é referente para accións como a que agora comezan en Dombate.

Pola súa parte o alcalde de Cabana quixo agradecer á Deputación a súa imprescindible colaboración para estas xornadas e tamén "darlle as grazas a Jorge Mira. Comezamos unha andaina no 2003 coa 'Noite das Estrelas', e daquela primeira semente acabaron nacendo estas Xornadas". Tamén enfatizou que "sen Jorge Mira sería imposible, polos seus coñecementos, poder falar de astronomía, e estas aulas axudarannos a poñer en valor os nosos monumentos e a súa relación coa astronomía.

Pola súa parte, Jorge Mira, definiu as xornadas como "unha acción maior de goberno da Deputación da Coruña" que, precisamente pola pandemia, vai ser difundida por medios dixitais e poderá chegar a unha poboación máis ampla. "Este acto está xa deseñado de partida para estar dispoñible en rede e vai ser dirixido á comunidade virtual, algo moi importante que poucas institucións están facendo co cal a chegada vai ser moito máis intensa", explicou Jorge Mira na súa intervención en que definiu o programa como "unha aposta do máximo nivel comezando pola astronomía que está enraizado na maxia da provincia da Coruña e no dolmen de Dombate".

Destacou tamén que neste territorio se produce "o último solpor de Europa" e permite unha estratexia que é a maxia da Costa da Morte para a explotación do turismo astronómico o que pon de relevo tamén "o tesouro que temos".

Esta primeira aula poderase seguir a través de Internet a partir do sábado 27 de marzo, sendo o primeiro dos capítulos que farán parte dun espazo formativo que estará dispoñible tanto nas webs da Deputación da Coruña (www.dacoruna.gal) como do Concello (http://www.concello-cabana.es/astronomiadombate). A gravación deste primeira aula terá lugar os días 26 e 27 de marzo, e poderá ser seguida de xeito presencial por un número de asistentes pequeno por mor das restricións sanitarias.

Os temas desta primeira entrega serán: 'Cousas e movemento do ceo', a cargo do astrónomo Borja Tosar; 'Como definiu a astronomía a orientación dos monumentos antigos? Estudo arqueoastronómico do Dolmen de Dombate', a cargo de A. César González García, Presidente da Sociedade Europea para a Astronomía na Cultura; 'Busca dos puntos de último solpor da Europa Continental', a cargo de Jorge Mira; 'O Camiño do Sol a través da paisaxe', a cargo de Fernando Rey Daluz, experto en fotografía astronómica; e a mesa redonda 'Posibilidades de desenvolvemento vinculadas á observación astronómica na Costa da Morte', coa participación do alcalde, José Muíño, Jorge Mira, Fernando Rey e Xosé Luís Penas, moderados por Santiago Garrido Rial.