A Deputación da Coruña organizou unha xornada – debate sobre o estado actual e futuros retos para a conservación e divulgación do Camiño Inglés

O Pazo de Mariñán foi, día 18 de outubro, o punto de encontro de todos os técnicos de turismo e cultura dos concellos da provincia, ante os relatorios dos profesionais mais relevantes na xestión deste patrimonio xacobeo
venres, 19 Outubro, 2018

En resumo, a -coordinación entre todas as institucións é unha das principais condicións para a xestión dos Camiños de Santiago-, segundo se conclúe na xornada que este xoves organizou a Deputación da Coruña no Pazo de Mariñán.

Persoal técnico e membros dos gobernos municipais dos concellos que atravesan os Camiños de Santiago foron os principais participantes na xornada que, na mañá deste xoves, se desenvolveu no Pazo de Mariñán, organizada pola Deputación da Coruña.

O inicio da xornada comezou coas explicacións dos deputados de Facenda e Turismo, Antonio Leira e Xosé Regueira, sobre as diversas actuacións que se están a desenvolver desde a Deputación da Coruña en relación cos Camiños de Santiago. Tamén participou o deputado Bernardo Fernández Piñeiro.

Antonio Leira destacou a posición incipiente do Camiño Inglés e a aposta da Deputación no proxecto de promoción e desenvolvemento turístico e o impacto de iniciativas como "Primavera no Camiño Inglés" que levou a unha maior implicación dos concellos e referiuse a oportunidade da ruta no target europeo e, concretamente, no británico.

Xosé Regueira, agradeceu o "apoio e proactividade" dos concellos do Camiño para as accións da Deputación. Destacou tamén iniciativas como a elaboración dunha auditoría sobre o estado actual do Camiño Inglés, o traballo sobre a delimitación dos distintos trazados -de maneira especial o Fisterra-Muxía- e a contratación de persoal técnico cualificado nas oficinas de información turística dos concellos. 

A xornada continuou coa participación de tres especialistas arredor de distintos aspectos dos Camiños, de maneira especial do Camiño Inglés que foi obxecto de tres das charlas, a do investigador Manolo Rodríguez, a do xornalista e divulgador Cristóbal Ramírez que falou arredor dos monumentos da ruta e a do arquitecto e director de Crecente Asociados, Mario Crecente que achegou aos participantes ao seu estado actual. Rafael Sánchez, xerente do Xacobeo, sinalou o constante aumento da cifra de persoas que recorren os camiños de Santiago e á proxección exponencial do Camiño Inglés ao tempo que defendeu a necesidade de ter en conta a sustentabilidade neste crecemento.

Despois da xornada, os participantes foron guiados por Xosé Yáñez polos icónicos xardíns do pazo e explicou a historia na súa rehabilitación por parte da Deputación.