A Deputación da Coruña presenta en FITUR a edición máis internacional do Gran Fondo Ézaro

O deputado responsable da área de Turismo, Xosé Regueira, o deputado provincial e alcalde de Dumbría, José Manuel Pequeño, e os ciclistas Ezequiel Mosquera e Perico Delgado, entre outros, participaron este mércores na presentación oficial do Gran Fondo Ézaro en FITUR.
xoves, 18 Xaneiro, 2018

Cunha grande afluencia de público desenvolveuse o acto de presentación en FITUR desta nova edición do Gran Fondo Ézaro, que foi presentado polo xornalista Terio Carrera. No acto participaron tamén o director de La Vuelta a España, Javier Guillén, o delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, e a secretaria xeral para o Deporte da Xunta, Marta Miguez, ademais de numerosos alcaldes dos concellos que atravesa a ruta ciclista.

O deputado de Turismo, Xosé Regueira, destacou o potencial da proba para a promoción dos recursos da Costa da Morte nunha aposta "que combina paisaxe e deporte e supón un singular escaparate da beleza natural e patrimonial da comarca". O responsable da área de Turismo destacou a relevancia do deporte na oferta turística e, neste sentido, referiuse ás presentacións en edicións anteriores de FITUR de propostas como a Ruta dos Faros, o Camiño Inglés ou o Camiño de Santo André.

Paraxes únicas na fin do mundo

Pola súa parte, o alcalde de Dumbría, José Manuel Pequeño, destacou a conxunción de recursos patrimoniais e naturais da contorna da proba ciclista que fan de especial interese para a promoción turística da comarca. "Estamos a falar da fin do mundo, dunha paraxe única na que se atopan a lagoa de Louro, a praia de Carnota, a máis longa de Galicia, ou o santuario da Virxe da Barca de Muxía".

O alcalde de Dumbría destacou que "o ciclismo contribuíu a dar a coñecer en todo o mundo o Mirador do Ézaro" e lembrou o exponencial incremento de turistas, que pasaron dos 2.000 do ano 2012 aos 62.000 do pasado ano. Tanto Ezequiel Mosquera como Perico Delgado ou o propio Javier Guillén relataron a súa experiencia na subida da proba e fixeron fincapé na gran beleza dunha "paisaxe sobrecolledora" como a do Ézaro.

Seis concellos nunha ruta única

A proba, que se celebrará o vindeiro 8 de xullo, manterá o itinerario das derradeiras edicións, atravesando os concellos de Dumbría, Mazaricos, Muros, Muxía, Cee e Carnota. Un itinerario "equilibrado", segundo a organización, que permite a celebración deste espectáculo deportivo sen repercutir en exceso no ritmo dos municipios polos que pasa.

Entre as novidades que presenta a edición deste ano, Ezequiel Mosquera destacou que o Gran Fondo Ézaro 2018 "pasa a integrar a UCI Gran Fondo World Series", unha competición organizada pola Unión Ciclista Internacional, na que o Ézaro será a única proba no Estado español das 21 que a integran. Así, o organizador da proba cicloturista sinalou que os participantes que consigan puntuar nas probas deste campionato, terán a posibilidade de acceder ao Mundial de Gran Fondo.

Máis información no seguinte enlace