A Deputación da Coruña presenta en FITUR a nova imaxe dos seis xeodestinos

O Gran Fondo do Ézaro é o protagonista da presentación oficial da área de Turismo da Deputación da Coruña na 38º Feira Internacional de Turismo. Ademais, o grande escaparate de turismo acollerá a presentación da nova imaxe dos seis xeodestinos en que se centra a estratexia de promoción turística.
martes, 16 Xaneiro, 2018

Unha imaxe renovada, con novos soportes publicitarios e máis información das ofertas dos seis xeodestinos é a principal aposta da área de Turismo da Deputación da Coruña na 38º Feira Internacional de Turismo, que se celebra do 17 ao 21 de xaneiro en Madrid.

O Gran Fondo do Ézaro será, por outra parte, o protagonista da presentación da Deputación no programa oficial da feira o mércores 17 ás 13:30 horas nun acto en que se destacará o se atractivo natural con gran repercusión turística e deportiva, que atrae cada ano a máis de mil participantes. O responsábel da área de Turismo da Deputación, Xosé Regueira, o alcalde de Dumbría, José Manuel Pequeño Castro e o ciclista Ezequiel Mosquera participarán na presentación do que está considerado como un dos grandes eventos dinamizadores da comarca, coa implicación dos concellos limítrofes dos que tamén se agarda presenza institucional no acto de FITUR.

A proba, que se celebrará o 8 de xullo de 2018, manterá o itinerario das derradeiras edicións, atravesando os concellos de Dumbría, Mazaricos, Muros, Muxía, Cee e Carnota. Un itinerario "equilibrado" que permite a celebración deste espectáculo deportivo sen repercutir no ritmo cotiá dos municipios polos que pasa.

Entre as novidades que presenta a edición deste ano, Ezequiel Mosquera destacou que o Gran Fondo Ézaro 2018 "pasa a integrar a UCI Gran Fondo World Series", unha competición internacional, organizada pola Unión Ciclista Internacional, na que o Ézaro será a única proba do Estado español, das 21 que a integran.

O organizador valorou positivamente o feito de que o Gran Fondo Ézaro sexa presentado en Fitur e que coa súa presenza na feira Internacional de turismo "transcenda as fronteiras galegas", onde xa se converteu nunha dos eventos de referencia para as persoas amantes do cicloturismo.

Ademais do espazo no programa oficial de actos, a Deputación da Coruña terá unha presenza activa en FITUR con numerosos encontros e participación en actividades dos distintos concellos e entidades e un programa propio con iniciativas dentro e fóra do recinto feiral.

Novo mapa de interese turístico

Entre outras iniciativas, a área de Turismo presentará oficialmente en Fitur os diferentes materiais e soportes que teñen como obxectivo poñer de relevo os principais recursos naturais, culturais, patrimoniais e gastronómicos dos seis xeodestinos da súa estratexia de promoción turística, "Temos un territorio cun enorme potencial turístico, tanto a nivel cultural e patrimonial como paisaxístico e os seis xeodestinos, na súa diversidade, son exemplo dunha oferta de calidade que ten en FITUR un escaparate de promoción internacional", sinala o deputado de Turismo, Xosé Regueira.

Máis información no seguinte enlace