A Deputación da Coruña promociona en Fitur proxectos claves para o futuro do sector turístico da provincia 

O proxecto de Xeoparque de Ortegal, o Gran Fondo Ézaro ou a candidatura da Costa da Morte a Reserva Mundial de Surf  son algúns dos programas que a Deputación da Coruña promocionará en FITUR.
fitur 2020
fitur 2020
luns, 20 Xaneiro, 2020

A Feira Internacional de Turismo terá lugar en Madrid do 22 ao 26 de xaneiro.  A presentación da Deputación da Coruña terá lugar o mércores ás 13 horas: desvelarase o percorrido da etapa 16 da Vuelta a España que transcorrerá desde Muros ao Ézaro e unha nova edición do Gran Fondo será un dos pratos fortes do programa do primeiro día da feira.

"O Gran Fondo Ézaro, a candidatura da Costa da Morte a Reserva Mundial de Surf e o proxecto de Xeoparque de Ortegal son tres dos eixos da actuación da Deputación da Coruña nesta nova edición de Fitur mais o programa vai moito máis alá xa que, como en anos anteriores, tentaremos aproveitar o encontro para establecer novas sinerxías, colaboracións e impulsar o sector man a man cos concellos", sinala o vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira.

Conducido polo xornalista deportivo Tedio Carrera e coa presenza de recoñecidas figuras do mundo do deporte e o espectáculo desenvolverase este mércores a presentación en Fitur da etapa da Vuelta a España que este ano transcorrerá de Muros ao Ézaro ademais dunha nova edición do Gran Fondo. O vicepresidente e deputado de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, e o tamén deputado e alcalde de Dumbría, José Manuel Pequeño Castro ademais de representantes dos concellos polos que atravesa a carreira e de membros da organización participarán nun acto en que se proxectarán dous vídeos que dan conta da impresionante paisaxe e riqueza monumental do traxecto e da tradición ciclista da que dá mostra o Gran Fondo Ézaro.

Será, sen dúbida, un dos momentos fundamentais do intenso programa que a área da Deputación da Coruña desenvolverá en Fitur, coa implicación e participación dos concellos da provincia que forman parte dos proxectos que este anos on protagonistas da feira que cumpre este ano catro décadas de historia.

A proxección dun video do proxecto do Xeoparque de Ortegal será outro dos eixos centrais da actuación da Deputación da Coruña e os concellos implicados no que está considerados un dos principais escaparates mundiais do sector turístico en que se dan cita os máis importantes axentes do sector. Será, polo tanto, unha ocasión de especial relevancia para impulsar o Proxecto de Xeoparque de ORtegal e, de maneira especial os importantes avances que se desenvolveron con respecto á candidatura e a súa promoción como a propia páxina web, as redes sociais ou o vídeo promocional que mostra a potencialidade xeolóxica, paisaxística ou patrimonial do territorio. A presentación do Proxecto Xeoparque de Ortegal terá lugar o xoves ás 16.30 no stand de Galicia coa participación do vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, a presidenta do concello de dirección do proxecto, a alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoi e os alcaldes dos concellos implicados.