A Deputación da Coruña promove o turismo activo na Mostra Internacional do Mundo do Ocio

A Mostra Internacional do Mundo do Ocio terá lugar do 12 ao 15 de outubro en Expocoruña.
MIMOC
MIMOC
martes, 10 Outubro, 2017

A Deputación da Coruña estará presente na Mostra Internacional do Mundo do Ocio, MIMOC, que dará comezo o vindeiro xoves, 12 de outubro en Expocoruña e durará ata o domingo 15.

Co fin de promocionar o turismo activo da provincia da Coruña, a Deputación  estará presente nesta mostra internacional celebrada na cidade coruñesa, cun punto de información turística da ampla oferta de actividades que se poden realizar nos concellos da provincia. Ademais para continuar coa estratexia de comunicación que a sección de turismo da Deputación ven facendo nos últimos meses e co obxectivo de converterse nun referente de promoción dos destinos da provincia, contará cun photocall  para dinamizar as redes sociais, co que todas as persoas que participen teñen premio seguro, e cun rocódromo, como reclamo e mostra da oferta turística de natureza da provincia. 

O MIMOC nace coa intención de converterse nun referente no ámbito europeo como punto de encontro dun amplísimo universo de actividades de ocio. Durante eses días haberá actividades para todos os públicos, como cursos de condución segura, voos en globo aerostático, probas de drons e simuladores de voos,  e unha ampla oferta de ocio infantil coma inchables e probas de motos e quads, entre outros. 

Cada día terán lugar diferentes actividades, que podedes consultar na súa páxina web: mimoc.eu.