A Deputación da Coruña visita o GeoParc da Catalunya Central coa mirada posta no proxecto do cabo Ortegal

Unha delegación da Deputación da Coruña, encabezada polo deputado da área de Turismo, Xosé Regueira, visitaron durante a xornada de hoxe o GeoParc Mundial Unesco da Catalunya Central co fin de estudar o seu modelo de xestión
sábado, 21 Abril, 2018

A visita institucional da Deputación da Coruña ten como obxectivos a procura de atopar sinerxías, valorar as repercusións e estudar o modelo de xestión de cara o proxecto do Xeoparque Cabo de Ortegal. Neste senso, mantivéronse reunións cos máximos responsables da reserva catalana. A xornada comenzou coa recepción no Consell da Comarca del Bages, en que durante case dúas horas ambas comitivas mantiveron unha reunión bilateral co presidente do Consell Comarcal, Agustí Comas, o presidente do Geoparc, Josep Canals, o xerente, Benjamí Fortuny e o director científico do Geoparc Mundial Catalunya Central, Ferrant Climent. O deputado e responsábel da área de Turismo, Xosé Regueira, subliñou que "contemplar en primeira persoa iniciativas previas como a do Geoparc Mundial Unesco da Catalunya Central permítenos ter unha visión achegada á realidade e coñecer as características dun modelo de xestión exitoso" ao que engadiu, " ademais de ter a posibilidade de valorar se algunhas das súas propostas turísticas son exportábeis para a noso proxecto intermunicipal". 

"Viñemos aprender do traballo ben feito en Cataluña para intentar trasladar a experiencia a Galiza", dixo Xosé Regueira na súa intervención. Durante a xornada de hoxe a delegación coruñesa visitou a basílica gótica de Santa María de la Seu, e outros referentes turísticos da comarca do Bages, como son o centro histórico de Manrresa, a subida en cremalleira á montaña de Montserrat, ou o santuario que lle dá nome a este macizo rochoso barcelonés, o mosterio de Santa María de Montserrat.

A visita institucional chega só dez días despois de que a Deputación da Coruña aprobase a constitución do Consello de Dirección do Xeoparque Cabo de Ortegal. Un proxecto intermunicipal que abrangue os concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sandurniño e Valdoviño, e para que consignou unha partida económica de 500.000 euros.
Deste xeito, a Deputación e os sete concellos que participan no proxecto Xeoparque Cabo de Ortegal avanzan na proposta de impulsar o patrimonio histórico que posúe a comarca, ademais de incidir na promoción e desenvolvemento do territorio dende os seus recursos naturais e culturais.