A Deputación promociona o Camiño de Santiago en Inglaterra

Reunión telemática con membros do Concello de Reading e con asociacións de peregrinos do sur de Reino Unido
mércores, 25 Novembro, 2020

O deputado provincial Antonio Leira, a xerente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés e membros do departamento de turismo da Deputación da Coruña mantiveron esta mañá unha reunión telemática con membros de Reading Borough Council, de Friends of Reading Abbey, da Confraternity of St. James e de Reading UK en orde a promocionar o Camiño Inglés a Santiago, que partindo do condado de Durham chega ata a abadía de Reading, para logo dividirse en busca dos portos do sur.
Ao longo da hora do encontro, ambas as partes constataron desde o primeiro momento unha gran coincidencia nos obxectivos de actualizar este roteiro xacobeo que tivo unha gran vitalidade durante a Idade Media. 

Robin Dorkings, vice-chair, da Confraternity, resaltou o empuxe que está a adquirir o roteiro desde Reading ata Southampton, na cal o peregrino pasa ante seis igrexas históricas.

John Painter, Presidente de Amigos da Abadia de Reading, incidiu en que entidades como British Pilgrimage e English Heritage puxeron os seus ollos nese tramo do Camiño Inglés. 

O exemplo da revitalización do Camiño Inglés no nordés do país, no Condado de Durham, serviu de referencia para que tanto as autoridades de Reading presentes tomasen nota do modelo que se podería seguir, algo que estudarán. O deputado  Antonio Leira aclarou que a recuperación dun roteiro cultural non produce efectos económicos inmediatos, pero reforza os lazos históricos e culturais entre dous países amigos.

O Camiño Inglés -polo cal circularon tamén miles de escoceses, galeses e dos países de norte de Europa, bálticos incluídos- experimentou un gran impulso nos últimos anos, chegando a alcanzar os 15.7080 peregrinos. O Reino Unido é o sétimo país na relación de envío de peregrinos a Santiago de Compostela, con 9.132 peregrinos, o cal significa o 2,63 %, unha porcentaxe que non parou de incrementarse aos poucos desde que comezou o século.