A Deputación reforza durante a Semana Santa os horarios e servizos de atención a visitantes nos monumentos do patrimonio provincial

A Deputación da Coruña amplía ata o 1 de abril, con motivo da Semana Santa, os horarios e servizos de atención a visitantes dos diversos monumentos e edificios que forman parte do patrimonio histórico-artístico provincial
Dolmen de Dombate
Dolmen de Dombate
mércores, 28 Marzo, 2018

Durante estes días, o pazo de Mariñán, en Bergondo, permanecerá aberto ao público dende ás 11.00 ata as 18 horas. Ademais de visitar os xardíns do pazo, con máis dun centenar de especies de prantas e árbores procedentes dos cinco continentes, entre os que se atopan os eucaliptos máis antigos de España nacidos das sementes traídas de Australia por Fray Rosendo Salvado ou a colección de mirtos máis valiosa de Galicia, os visitantes terán a oportunidade de participar, cada 45 minutos, en visitas guiadas polo interior do edificio do século XVIII, e de coñecer de primeira man as numerosas historias que gardan as súas paredes de pedra.

O dolmen de Dombate, situado en Cabana de Bergantiños e considerado "a catedral do megalitismo galego", poderase visitar todos os días entre as 9.00 da mañá e as 21.00 horas e habilitaranse visitas guiadas en horario de mañá (de 11 a 14 horas) e tarde (de 16 a 20 horas) da man de expertos que explicarán os seus 6.000 anos de historia, a importancia do megalistismo na Costa da Morte e as accións levadas a cabo pola Deputación para a recuperación e posta en valor do megalito. Os dolmens de Axeitos (Ribeira), Cabaleiros (Tordoia), e Altamira (Brión), de acceso libre, completan a oferta megalítca da provincia coruñesa.

Tamén na Costa da Morte, a Deputación ofrece a posibilidade de visitar as Torres do Allo, no concello de Zas, entre as 11.00 e as 20.00 horas, e o Ecomuseo do Forno do Forte, en Buño (Malpica) entre as 11 e as 14 e de 16 a 18 horas, de luns a sábado.

A partir do xoves 29, pódense visitar tamén os Batáns de Mosquetín (con visitas guiadas entre as 12 e as 16 horas), e o castelo de Vimianzo, que contará con visitas guiadas en horario de mañá e tarde e acollerá entre o Venres Santo e e o domingo de Pascua actos de dramatización da súa historia.

Servizo especial de transporte ao mosteiro de Caaveiro: 

O mosteiro de Caaveiro, un cenobio do século X situado nun promontorio sobre as fragas do Eume, o bosque atlántico mellor conservado de Europa, permanecerá aberto ao público entre as 9 de mañá e as 8 da tarde, con visitas guiadas de 11.00 a 19.00 horas.

No parque natural restrínxese o uso de vehículos durante a Semana Santa e a época estival, debido ao elevado número de visitantes, polo que a Deputación pon a disposición, como cada ano, un servizo especial de transporte en autobús dende o Centro de Interpretación ata o mosteiro, co obxectivo de facilitar a accesibilidade.

Este servizo estará en funcionamento todos os días a partir das 10.30 horas.

Todos os monumentos do patrimonio etnográfico e histórico da Deputación da Coruña poden visitarse con carácter gratuíto.