En marcha a XIX Edición das Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán

Entradiña: 
Un mes de teatro, monicreques, recitais, concertos, publicacións, exposicións e relatorios na Pobra do Caramiñal.
Barbanza-Arousa » A Pobra do Caramiñal
Imaxe: 
Programación das Xornadas de Homaxe a Valle-Inclán na Pobra do Caramiñal
xoves, 19 Outubro, 2017
Descrición: 

Esta iniciativa de dinamización cultural e de interese que promove o Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal, articúlase na celebración do aniversario do nacemento do universal escritor e no centenario do seu establecemento no Casal da Mercé (en 1917).

Trátase dunha iniciativa de ámbito galego na que estarán presentes actividades como: teatro, monicreques, recitais, concertos, publicacións, relatorios, exposicións… destinadas a públicos de todas as idades. 

O cantautor Manoele de Felisa sumarase á homenaxe do autor de Luces de bohemia. Ofrecerá un concerto o día 21, baixo o título "Cantares galegos: de Rosalía a Valle-Inclán".

O día 27, Sandra Domínguez Carreiro disertará sobre "Josefina Blanco: Actriz de éxito e compañeira de Valle-Inclán".

Para o 28 foi fixada a ofrenda floral que tradicionalmente se ven incluíndo no programa das xornadas. De animar a xornada encargaranse A Gandaina, Caramiñas e Tanxedoira. E o colofón chegará da man dun coñecido dramaturgo barbancés que desde hai uns anos vén formando parte imprescindible deste ciclo de propostas culturais: Quico Cadaval. O 28 desembarcará no auditorio pobrense para poñer en escena a peza "O rei e o bufón nas Comedias Bárbaras".

A súa axenda estase desenvolvendo durante o mes de outubro, en especial os venres e sábados, grazas ao patrocinio da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia e o Concello da Pobra do Caramiñal. Contando coa colaboración de entidades como: Asociación Amigos de Valle-Inclán, ACAMFE, USC, Cátedra Valle-Inclán, Fundación Valle-Inclán, Entre Caricaturas, Asociación Gandaina, Caramiñas da Asociación Amas de Casa, Asociación Tanxedoira e todas as entidades “valleinclanianas” de Galicia.